O que entendemos por océano non coincide co significado que esta palabra tiña orixinariamente para os gregos: na concepción da Antigüidade o okeanós era un río enorme de forma anular, un “río sen principio nin fin” –como lle chamaban Homero ou Hesíodo nos seus textos–, rodeando a masa de terra coñecida, que por entón non pasaba de parte de Eurasia e Libia. Deste xeito, os antigos entendían o “mar océano” como o oposto do “mar mediterráneo”, situado no “interior”, como se deixa ver no propio nome, en latín mediterraneus, a partir de medius e terra –a denominación grega, mesógeios, ten un significado equivalente– .
O Océano grego tamén tivo a súa representación na mitoloxía, a través da figura do titán fillo de Urano e Xea, que nos mosaicos figuraba como un xigante barbán, cunha cola enroscada sobre si mesma, que simbolizaría a suposta forma circular con que eles imaxinaban o río.
O paso do tempo, e as medicións, puxeron as cousas no seu sitio, e o desenvolvemento da xeografía mais a cartografía permitiu que o concepto asociado á voz océano se fose perfilando aos poucos ata o que coñecemos hoxe en día. De feito, océano, segundo o Dicionario é a “masa de auga salgada que cobre aproximadamente as tres cuartas partes da superficie total da Terra e que convencionalmente se divide en cinco partes”. Sobre este termo clásico créanse outros científicos como son oceanografía, a ciencia que estuda as características propias dos mares e os océanos, ou oceanógrafo, –a, que denomina a persoa que se dedica profesionalmente á devandita ciencia.
Galicia foi o berce dunha das profesionais deste ámbito de sona mundial.
Ánxeles Alvariño, unha oceanógrafa galega de prestixio internacional
Naceu en Ferrol en 1916 e faleceu en La Jolla, California. Filla dun médico, desde pequena caracterizouse por unha grande inquietude intelectual. Quixo cursar Medicina pero o seu pai opúxose e estudou Ciencias Naturais.
E converteuse nunha oceanógrafa precursora neste campo a nivel mundial, quen foi a primeira muller en participar en calidade de científica nunha expedición a bordo dun barco británico de investigación. Ánxeles gañou numerosos nomeamentos académicos en diversas universidades do mundo e chegou a descubrir 22 especies novas de organismos mariños presentes no plancto, indicadores das correntes oceánicas e para a pesca. Incluso o seu apelido foi rexistrado como nomenclatura para o nome científico de dous destes exemplares: o Aidanosagitta alvarinoae (1974) e a hidromedusa Lizzia alvarinoae (1980).