Oia

Imaxe: Juan Mejuto. Wikicommons

Concellos de Galicia (con tres letras)

Chega o verán e o Portal das Palabras volve saír de viaxe por Galicia. En edicións anteriores xa fixemos os obrigados percorridos polo mar e pola montaña, así que desta volta propoñémosvos unha ruta diferente. Faremos parada en lugares cunha curiosidade en común: todos eles son concellos con nomes de só tres letras. Pode soar a excentricidade.. e madía leva se o é! Pero que mellor época para deixarse levar pola sonoridade dalgúns dos topónimos máis breves de noso Nomenclátor! A viaxe pagará a pena, e non só en termos lingüísticos!

Concellos:

Foz | Mos | Pol | Zas | Oia | Teo | Tui | Cee | A Rúa

Segundo o toponimista Edelmiro Bascuas, experto en toponimia prerromana, a orixe de Oia fai referencia ás augas (hidrotopónimo), estararía nas formas paleoeuropeas *ugwia ou *udia, derivadas á súa vez dunha raíz *wegw‑ co  significado de ‘húmido’.  Polo tanto, estariamos ante un topónimo prerromano que faría referencia a ‘lugares húmidos” ou “con abundancia de auga’.

Unha curiosidade da denominación é que está formada só por tres vogais e grazas ao slogan: “Eu, Oia”, que di a publicidade xa completa a serie coas cinco. Porén ten sobrados encantos de seu sen recorrer a brincadeiras lexicográficas: un deles son as afamadas Pozas de Mougás, na parroquia e no río homónimos. Como é unha zona de enorme concentración de cabalos ceibos, é normal que no verán se organicen picadeiros e curros para aproveitar e xestionar este gando (compravender, rapar e marcar), en Mougás fanse en maio e agosto, pero tamén hai que contar cos de Valga e Burgueira-Torroña. Para protexer este recurso das antigas poboacións de lobos da zona intentábanse frear con construcións como o Foxo Pedriño.

No seu medio natural contan co bosque mediterráneo máis occidental de Europa, as Sobreiras do Faro e da Serraseca, en (evidentemente) O Sobral, e cos únicos exemplares silvestres de fentos arbóreos (Dicksonia antarctica) coñecidos no continente. Pozas, curros e foxos deben a súa existencia á impoñente Serra da Groba, que chega ata máis de 650 metros de altitude e domina boa parte do concello enfrontándose ao mar. No interior da serra atopamos innúmeros petróglifos (especialmente na costa, que xa daquela representaban cabalos) e castros (especialmente no interior), como continuación ao que tamén acontece no interior dos veciños concellos de Baiona ou Tomiño. A singularidade dos restos arqueolóxicos de Oia (que derivou en que fose chamada a Costa dos Castros) reside en que contan cos únicos petróglifos galegos con embarcacións de tipo posiblemente mediterráneo e tamén cun dos labirintos máis grandes de Europa (110 cm de diámetro).

Paralelo á costa, pero do outro lado da serra, corre o río Tamuxe (palabra da familia do Tambre, do Támega e Tameiga ou do Támesis londinense), que é o que forma o Val do Rosal. Tanto desde o alto destes montes como na costa, as vistas sobre o Atlántico son fabulosas; aínda que na beira do mar tamén se pode ademais gozar de relaxantes sesións de talasoterapia no balneario localizado ao abeiro do Camiño Portugués da Costa ruta antiga e recoñecida pola Xunta de Galicia desde 2016. Neste camiño, diminuto en comparación coas dimensións telúricas e oceánicas, atopamos o antigo mosteiro cisterciense de Oia, o único situado á beira do mar e cunha historia que se remonta polo menos ata o século XII. Desamortizado en 1835, durante a guerra civil foi convertido en campo de concentración, na actualidade está case todo en mans privadas, pero a súa descomunal fachada barroca lembra a grandeza dun convento que tiña posesións ata Lisboa.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!.

Cubre a enquisa aquí