A orixe da palabra caco

Hércules mata a Cacus (1545) de Hans Sebald Beham [Iconotheca Valvasoriana]

Va que non sabes de onde vén a palabra “caco”?

Cando falamos coloquialmente de alguén demasiado amigo dos bens alleos, é dicir, dun ladrón, podemos usar a palabra caco, termo que calquera de nós coñece e utilizou máis dunha vez. Na literatura, temos  múltiples exemplos do seu uso, mais gústanos especialmente un de Celso Emilio Ferreiro, nas Cantigas de escárneo e maldicer, no que esnaquiza “un tal Arco” do seguinte xeito:

un tahur lato,
un caco de feirón, unha lendia prea.
Ista é a imaxen fiel do arco paleto,
doctor «honoris causa» analfabeto,
asombro de gavilla filistea.

Hai palabras de uso común que agachan unha fermosa historia. Neste caso, temos que ir buscar a explicación ás narracións clásicas da mitoloxía romana, onde se conta a peripecia do xigante Caco (do latino Cacus), fillo de Vulcano e irmán de Caca, quen morreu a mans de Hércules, logo de roubarlle parte do seu gando. Segundo o mito, Hércules atopábase coas súas reses preto da cova onde moraba Caco —no monte Aventino, do Lacio—, un lugar pouco acolledor, xa que da súa entrada penduraban adoito as cabezas das vítimas devoradas polo xigante. Hércules quedou durmido, e Caco aproveitou daquela para roubarlle varios animais, que levou para a cova arrastrándoos polo rabo, mirando por que as pegadas non o delatasen. Cando o heroe acordou, decatouse do roubo e, logo de moito buscar por eles, alertado polos brados das bestas, dirixiuse á covacha do xigante, quen xa bloqueara a entrada cun pedrolo. Pero, como é sabido, para un heroe non hai impedimentos, e Hércules —quen segundo a mitoloxía posuía unha forza tal que era quen de levar a cabo as tarefas que ningún ser humano podía facer— lonxe de conformarse, teimou en asaltar o tobo, arrincando a parte superior da montaña, como quen lle tira a rolla a unha botella; polo orificio, comezaron a saír as laparadas e o fume que deitaba Caco pola boca, tentando evitar desesperadamente que Hércules entrase.

No século XV un historiador portugués localizou o monte da batalla en territorio galego

O heroe, cada vez máis enfurecido, respondeu arrincando árbores e rochas, grandes coma pedras de muíño e, deste xeito, coa imaxe dun volcán en plena erupción, Hércules conseguiu acceder á gorida e acabou co xigante.

Nun curioso texto do século XV, un historiador portugués de nome João Barros, seguindo unhas coordenadas difíciles de xustificar, localizou o monte da batalla en territorio galego…

A lenda de Caco quedou recollida en diversas obras e representacións artísticas do Renacemento, tanto que o xigante chegou a identificarse como o patrón dos ladróns mentres que o roubo foi descrito literariamente como “a ciencia de Caco”, de onde o uso coloquial deste substantivo na lingua de hoxe.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!

Cubre a enquisa aquí