Hoxe en día o láser xa é, polo menos nesta parte do mundo, un elemento máis do día a día, unha tecnoloxía que opera en actividades tan cotiás como pasar os produtos pola caixa rexistradora do supermercado, poñer un cedé ou facer a depilación. Trátase dun deses casos en que un termo do ámbito científico pasa a ser palabra de uso común. O Dicionario di del o seguinte: “Mecanismo amplificador ou xerador dun conxunto de raios luminosos de intensidade moi elevada, dunha soa cor, coherentes espacial e temporalmente”.
O descubrimento do láser
O inventor, por así dicilo, do láser foi Theodore Maiman, investigador dunha compañía aérea, quen o deu a coñecer publicamente o 6 de agosto de 1960, nun artigo da revista científica Nature.
Unha das explicacións máis comprensibles diría que o láser xorde do fenómeno que ten lugar cando se logra que uns átomos excitados por medio de luz ou electricidade emitan fotóns entre dous espellos que, ao reflectilos, amplifican esta radiación estimulada. O resultado é un feixe de luz monocromático, intenso e fino.
Como se crea a palabra láser
Láser é un termo que comezou a utilizarse contra os anos sesenta do século pasado. Como moitas novidades relacionadas cos ámbitos científico e tecnolóxico importámolo do inglés. A palabra láser orixinouse xuntando as letras iniciais dos constituíntes dunha frase completa, a que contén a descrición do fenómeno que o orixina: a “amplificación de luz por emisión estimulada de radiación”, o que en inglés se diría: light amplification by stimulated emission of radiation. Se fas a proba de lela de corrido, a ritmo sostido, comprobarás logo o útil que foi neste caso desenvolver unha nomenclatura abreviada 🙂
Formar palabras xuntando cachiños…
Na maioría dos traballos sobre léxico, este recurso para a formación de palabras que vimos de describir é referido co nome de sigla, a cal presenta a seguinte definición no Dicionario: “letra inicial que serve como abreviatura de cada unha das palabras que forman un nome composto, e formación léxica que resulta dunha serie delas”. Máis en concreto aínda, a orixe da palabra láser deberíase a un tipo específico de sigla, o acrónimo (do grego, ákros ‘extremo’ mais ónoma –atos ‘nome’), que é cando o conxunto resultante –habitualmente moi lexicalizado– se le como unha única palabra (e non soletreando cada unha das letras); de maneira que, segundo esta clasificación, láser sería un caso de acrónimo, o mesmo ca sida (síndrome de inmunodeficiencia adquirida) ou IVE (imposto sobre o valor engadido) por exemplo, en tanto que TVG ou ABS serían siglas propiamente ditas. Por certo, ao descubrimento do láser chegouse despois de ter investigado un seu ascendente que tamén tiña un nome composto por acronimia: falamos do máser (datado en 1955); neste caso, o <m> é a letra inicial de microonda (microwave amplification by stimulated emission of radiation).