O 28 de maio de 1987 deuse a coñecer o primeiro arquivo “.gif”. Hai pouco fixéronse 30 anos. O nome deste formato sae das siglas de graphics interchange format –formato de intercambio de gráficos–; o GIF serve para compartir imaxes a cores en Internet e foi creado por Steve Wilhite, que traballaba na empresa estadounidense de conexión á rede CompuServe. Wilhite comentou, en 2012, na publicación DailyDot, que había moito tempo que fixera o primeiro GIF, polo que non recordaba ben, pero cría lembrar que a imaxe fora a dun avión.
Imaxes que cobran vida
O primeiro GIF animado
A artista rusa Olia Lialina aproveitou as posibilidades de simular movemento deste formato. Comezou a experimentar en 1997, e este foi o primeiro GIF animado que se creou.
Os GIF permiten unha paleta de ata 256 cores e conseguen arquivos de pouco peso. Aínda que o número de cores, pasado o tempo, chegou a quedar escaso e supoñer unha limitación, a segunda característica asegurou a súa popularidade en Internet, pois permitiu a transferencia de menor cantidade de datos nunha época en que as conexións á rede non tiñan a velocidade que agora gozamos. Ademais, ten a virtude de almacenar imaxes concatenadas, polo que é capaz de simular animacións (o tan popular hoxe en día GIF animado).
E como se pronuncia?
En inglés, mantense unha acendida polémica respecto a como se pronuncia, xa que a combinación de letras <gi> pode lerse de dous xeitos fricativos sonoros: como a palatal de gin (semellante ao <x> galego pero sonora, como o <j> en portugués, catalán ou francés, chamada coloquialmente soft g); mais tamén como a velar de gift (como o galego <gu>, a hard g). Aínda que o autor, desde a creación do formato, postulou a primeira porque pretendía evocar reminiscencias da marca de manteiga de cacahuete Jif, a maioría dos seareiros da informática decantouse pola segunda.
Entre nós, tendo en conta que a combinación gráfica non ten existencia patrimonial, está máis estendida a pronucia “guif”. Outra alternativa, xa que falamos de siglas, é dicilo letra a letra, “gue-i-efe”, aínda que lingüisticamente é menos económica.