Os meses das augas

Xa se falou no seu momento da fraseoloxía do Entroido, así que agora imos darlle unha volta ao que vén despois. Veremos de que xeito os nomes dos meses, os do segundo trimestre do ano, nos permiten falar do mundo que nos rodea en metáforas e comparacións asequibles para representar a realidade, e mesmo plasmalas na nosa xeografía toponímica. Con todo, veremos algo menos dos refráns, e centrarémonos máis nas locucións, colocacións e frases feitas.

Os meses de cambio de estación son especialmente prolíficos na creación de expresións, pois son vitais na produción agraria, os labregos prestan moita máis atención e por iso condicionan e modelan a visión que teñen do seu redor.

Marzo

Para o primeiro dos meses atopamos a fórmula marzo marzolas torbón e raiola (ou marzo marzola), en portugués marçagão, que se refire á alta inestabilidade meteorolóxica do mes (por iso nos pon de mal humor: marzo marzán, pola mañá cariña de rosa e pola tarde cara de can ou á noite cara de lobo e á mañá cara de can), tanto a comezos, como a finais ou como nas febras de marzo (a mediados). E é que marzo é capaz de rabuñar coma un gato (por causa do frío). É, como agosto, un mes que en galego conta con verbo (marcear) e adxectivo (marzal e marceliño).

Da mesma familia etimolóxica que o nome do mes son os topónimos: O Marzo (Castro de Rei), A Agra do Marzo (Castro de Rei), Camiño dos Marzos (Vigo), Campomarzo (Silleda), Marzo de Abaixo e Marzo de Arriba (Santiago de Compostela), Monte da Granda de Marzo (O Valadouro), Muíño de Marzo (Santiago de Compostela), Muíño de Marzo de Abaixo (Santiago de Compostela), O Vedro da Fonte de Marzo (Pol), Sobre do Monte de Marzo (Santiago de Compostela) e en feminino As Marzoas (Cambre) e O Agro de Marzoa (Santiago de Compostela). Os máis deles son topónimos procedentes dos nomes persoais Martius, Marcius, Martiola e Marciola, da familia de Marcus, Marcelus ou Mars, ‘[planeta] marte’ (de onde os nosos marcial ou marciano).

Por darse o equinoccio de primavera o 21 de marzo, este era o primeiro mes do ano antes da reforma de Xulio César, e por iso os nomes dos derradeiros meses non coinciden cos seus correspondentes numerais etimolóxicos (setembro, de septem, cando en realidade é o noveno; outubro, de octo; novembro, de novem; e decembro de decem).

Abril

Nestes meses a natureza comeza a rexurdir tras un longo inverno no que a actividade animal e vexetal se ve reducida. Esta vitalidade queda reflectida na comparación estar feito/parecer un abril, que se di cando alguén goza de boa saúde. Comparando o galego con outras linguas, existen expresións que teñen paralelismo como en abril augas mil (co italiano aprile ogni goccia un barile), tamén constatamos coincidencias culturais como expresións referidas ao un de abril, día dos enganos, con expresións galegas coma a que segue O primeiro de abril van os burros onde non teñen que ir, nós coincidimos co portugués dia das mentiras ou dia das petas no primeiro de abril; que tamén celebra o italiano pesce d’aprile e  o francés Poisson d’avril.

Do mesmo grupo etimolóxico ca o nome deste mes son os nomes de lugar A Fonte de Abril (A Pastoriza), Bouza Abril (Lousame) e O Portabril (Melide). O nome do mes procede do latín Aprilis.

Maio

O tempo da brama (polo celo das bestas) ou mes de María (pola festividade do 24), que é como tamén se lle chama ao mes de maio, fornécenos máis locucións. Dado que ten 31 días, as persoas que son moi altas poden compararse coa lonxitude deste mes longo coma un maio longo ou, como xa os días se fan máis grandes, pode dicirse de algo que é máis grande ca un día de maio. Despois das devanditas choivas de abril, se tamén veñen en maio son benvidas para as colleitas, polo que calquera acontecemento desexado ou esperado tómase como (vir/ser) (como) auga de maio/abaixo. Este é o mes das flores, o mes dos maios que, na tradición rural inglesa, ten o seu paralelo nas festas do May Day ou de maying. Estas celebracións aproveitaban tamén as coloridas flores de primavera, as mayflower, nome que sería o do famoso barco con primeiros colonos puritanos que en 1620 (hai case catro séculos) estableceu o segundo asentamento inglés en Norteamérica.

Con todo, volvendo a Galicia, maio úsase aquí tamén para expresións negativas, como gañar o que gañou a burra en maio cando algo non dá proveito ningún. Aínda así, sempre virán tempos mellores cando pasamos este mes apurado, polo que sempre lle lembramos a quen o pasa mal que tras o maio vén san Xoán.

A palabra maio tamén aparece para designar varios lugares do noso territorio: hai cinco O Maio (Muros, Bande, Sarreaus, As Somozas e Cariño), Os Maios (A Pobra de Trives), Maio Grande e Maio Pequeno (Negreira), Camiño dos Maios (A Pobra de Trives), A Canceliña do Maio (Sarreaus), O Campo dos maios (Muros), O Corgo dos Maios (Vedra), A Cova de Maio (Lousame), A Rega de Maio (Palas de Rei), A Ribeira de Maio (Muros), O Agro de Maio (Porto do Son), O Casal de Maio (Castro de Rei) e O Portomaio (Aranga), así como posiblemente Casmaio (Cervo) e Pormaio (O Valadouro). Con todo, cómpre ter coidado porque algúns destes casos poden referirse á árbore de maio ou a un antropónimo latino Maius, derivado masculino último da deusa grega Maia en honor de quen se bautizou o mes, evidentemente relacionados con maius, forma neutra comparativa de magnus. Non se pode descartar que algún dos Maio(s) que aparecen na toponimia estean relacionados co verbo mallar, do lat. *malleāre, de mallĕus.

Antes de rematar con maio, imos retomar marzo para lembrar o refrán que nos promete que, co permiso do cambio climático e repartidas dunha ou outra maneira, sempre teremos todas as cousas propias destes meses: auga, flores e o morno sol da primavera. Cando marzo maiea, maio marcea.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir