Anosar é unha das máis de sesenta mil palabras que figuran no Dicionario. De revisarmos a data de inclusión, veremos que forma parte del desde non hai moito, polo menos se o comparamos con aquelas que están na lingua desde sempre, as que representan o léxico patrimonial. Anosar está no grupo de aqueles termos que se foron incorporando ao idioma por medio de préstamos, evolucións, neoloxismos e mesmo creacións literarias.
Álvaro Cunqueiro, o pai da criatura
No caso de anosar, sabemos incluso quen foi o “inventor”, a persoa á que se lle debe que esa voz veña cubrir unha necesidade expresiva para a que non tiñamos solución, ou, se cadra, para nomear unha acción que ata o momento do nacemento da palabra non chegara a callar como concepto. Nos córpora dixitais dispoñibles, a primeira vez que se documenta o verbo anosar é nunha cita de O incerto señor don Hamlet (1958), a mesma que inspira o exemplo con que se ilustra a entrada do Dicionario: “…e reinan dende fai moitos séculos en Dinamarca, nos días dista peza, uns que chaman os Hardrada, apelido que se anosa dicindo «pelo roxo»’”. A definición que recolle a Academia é: “Incorporar ou adaptar á cultura ou idioma propios”, sendo a edición de 2012 do Dicionario a primeira en que figura o verbo como entrada.
Alén de dar a luz a palabra, Cunqueiro puxo el mesmo en práctica a acción que o verbo designa, xa que dedicou boa parte do seu esforzo a traducir textos emblemáticos da cultura universal, así como a anosar personaxes dos grandes ciclos narrativos medievais europeos ou referentes do canon literario occidental, como o mago artúrico de Merlín e familia ou o tráxico herdeiro de O incerto Señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca.
O método para crear “anosar”
Morfoloxicamente, anosar constrúese botando man dun procedemento recorrente: sobre a base dun adxectivo, engádense un prefixo mais un sufixo derivativo, creando unha nova palabra. É o que sucede en abaratar, aboar, achaiar, afear… No caso de “anosar”, a base é o posesivo noso (nossus no latín vulgar, do clásico noster), cun significado relacional, na medida en que se entende en referencia ao pronome da primeira persoa do plural, nós.
NOSA, Axencia Espacial Escolar Galega
II CONGRESO NOSA
Lugar:
Vila de Cruces
Data:
5 de febreiro de 2018
Nome:
A viaxe da MarumaSat II
Programa:
Descargar nesta ligazón
O proxecto:
No curso 2015-2016, no IES Maruxa Mallo de Ordes, naceu o proxecto de enviar ao espazo unha cápsula, á que se lle puxo como nome o acrónimo MarumaSat, creado a partir das primeiras sílabas do nome da pintora vangardista que dá nome ao centro. Neses anos, alumnado e profesorado traballaron na preparación de todo o necesario para o lanzamento, incluíndo a construción da propia sonda, onde irían aloxadas nunha caixa dúas cámaras que transmitirían as imaxes do ascenso (25.000 metros). A explicación de todos os detalles podes vela no blog do proxecto.
A NOSA:
A experiencia foi tan positiva que no curso seguinte, 2016-2017, outros dous institutos públicos viñeron sumarse ao proxecto, o IES Miraflores de Oleiros e mais o Marco do Camballón de Vila de Cruces. E para xestionar a coordinación entre centros e darlle continuidade ao traballo naceu a NOSA –a primeira Axencia Espacial Escolar Galega– no marco do I Congreso MarumaSat, celebrado na Casa da Cultura de Ordes. Alí tamén tamén se organizou o segundo lanzamento estratosférico. A escolla do nome da axencia espacial non puido ser máis afortunada xa que transmite o sentido colectivo da experiencia e abre a posibilidade de novos usos do verbo anosar: o de ‘pertencer á NOSA’ e o de anosar o espazo, “cos pés no chan e os ollos nas estrelas”, o obxectivo das accións do proxecto.
Ascensión da MarumaSat I
Ascensión da MarumaSat II