Os nomes dos alcois

Botándolles un ollo ás palabras finalizadas en -ol, observamos que a maioría son do ámbito da química. Entre delas, imos fixarnos nalgunhas das máis coñecidas, concretamente aquelas que serven para nomear os alcohois, ou alcois.

 

Que son os alcois?

Son compostos caracterizados polo grupo hidroxilo ou oxhidrilo, ou sexa, que na súas moléculas conteñen un radical ‑OH. A propia voz alcol ou alcohol ten esta terminación ‑ol e é a orixe de que se utilice en química para marcar que un composto ten ese grupo funcional.

 

De onde vén a palabra?

Dánselle varias etimoloxías posibles: algúns especialistas din que pode vir do árabe alkughl, que se refire a un composto de antimonio, usado hai tempo para maquillar os ollos; outros en cambio, malia tamén o localizaren no árabe, apuntan a outro étimo, alkhawl, ‘mala consecuencia’, que se referiría á resaca ou ao comportamento provocados polo seu abuso.

 

Como se crearon os nomes dos alcois máis coñecidos?

Dada a enorme complexidade dos compostos bioquímicos, na maioría dos casos séguense utilizando os seus nomes tradicionais como base para formar denominacións, de aí que moitas veces herdan a raíz dun nome antigo. O significado desta raíz remite en xeral ás circunstancias do seu descubrimento: a orixe, o científico que illou o composto, as súas reaccións, propiedades ou usos.

 

Imos ver os máis populares:

Metanol e etanol

Estes dous alcohois (o segundo presente nas bebidas alcohólicas) son os únicos no Dicionario que seguen a nomenclatura sistemática. Mediante este proceso de creación de palabras, cada raíz ou terminación describe algunha das características do composto. Nestes, ademais da terminación en ‑ol que indica que só un grupo alcol está presente, a base indica cantos átomos de carbono contén: o metano ten un carbono e o etano ten dous. Se tivesen tres ou máis, a serie seguiría con propanol, butanol, pentanol, hexanol, heptanol, octanol, enneanol, decanol etc. As catro primeiras palabras créanse do metanol, éter, ácido propiónico e ácido butírico, respectivamente. A partir do quinto átomo de carbono, o caso do pentanol, úsanse os numerais en grego antigo dun xeito similar a como se nomean os polígonos segundo o número de lados que os forman.

Respecto aos seus sinónimos, alcol metílico e alcol etílico, foi coñecida a venda do primeiro polo segundo en 1963, fraude que en Galicia e Canarias provocou un numero indeterminado de mortes no que se viría chamar o “Caso do metílico“.

Glicol

O seu nome deriva de glic‑, este á súa vez de glykýs, por ser ‘doce’. Este significado queda patente no nome do glicerina –o adozante E422–, ou da glicemia –presenza de glícidos en sangue–. Co tempo, a denominación de glicol (e diol) rematou usándose como xenérico para calquera composto con dous grupos alcol.

Mentol

É un caso diferente, porque a denominación se orixina na menta –da cal se obtén–, que coincide con nome científico do xénero: Mentha.

Sorbitol

Con este alcol dáse a mesma circunstancia que no caso anterior por proceder da sorbeira, que pertence ao xénero Sorbus. Se nos quedásemos só con isto, o nome debería ser *sorbol, pero neste caso o sufixo ‑ol cambia a ‑itol porque o composto é polihidroxílico, é dicir, contén dous ou máis grupos ‑OH.

Cresol

Debe o seu nome á creosota, a cal deriva do grego antigo kréas, ‘carne’, e mais sotér, ‘conservar’, pois se utilizaba con funcións preservativas.

Naftol

O naftaleno é o fundamento da creación de naftol, e ambos se orixinan na forma grega nafta, que significaba ‘petróleo natural’, e aínda o significa en finés, italiano, portugués, español americano e moitas linguas eslavas. O certo é que o nome internacional para o combustible dos coches se reparte globalmente en catro tradicións: gas(olina), petróleo, bencina e nafta

Fenol

A denominación do fenol indica que se une a un radical fenilo (derivado de faíno, ‘claridade’, porque se usaba como gas na iluminación) e polo tanto a cadea de carbóns é cíclica. Co tempo, ademais de denominar o C6H5OH, acabou usándose para calquera composto cun anel e, xa que logo, trátase dun grupo que inclúe outros compostos anteriores como o cresol e o naftol.

Colesterol

O coñecido e temido colesterol vén do grego antigo kholé, ‘fel, vesícula biliar’, e mais stereós, ‘sólido, firme’. Pertence ao grupo dos esterois, que son alcohois que se unen a un esteroide. Por que se aproveita este significado do grego antigo para a formación da palabra? Esta asociación queda máis explicada se lembramos que, para a xente que presenta colesterolemia alta, os problemas circulatorios proceden do colapso causado polas moléculas de colesterina: este composto acumúlase formando grupos densos que se apegan ás paredes das veas e arterias, reducindo o espazo por onde circula o sangue.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir