Unha das primeiras recollidas dos nomes dos nosos peixes publicouse no 1977 e titulábase Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces, da man de Mª do Carme Ríos Panisse, con anotacións etimolóxicas de Antón Santamarina. Contén palabras xenéricas como aleta, boche ou galadas e 197 entradas de especies de peixes con cadanseu nome científico e do castelán, de habelo; e a seguir os nosos equivalentes propios recollidos en 57 portos galegos (de Ribadeo á Guarda) e nos das Figueiras-Castropol e Caminha tamén.
Logo entre 1980 e 1990 viron a luz guías de peixes, da autoría de biólogos, nas editoriais Galaxia, Xerais e Ir Indo; e a Xunta de Galicia editou a Guía do consumidor de peixe fresco (1999), coordinada por D. López Muñoz, con fichas de 76 peixes, ademais doutras de moluscos, crustáceos e algas. Xa neste século o biólogo Nacho Munilla e o ilustrador Pancho Lapena publicaron a Guía definitiva dos peixes da Galiza, escolma de morfoloxías e tipoloxías de peixes, xeralmente coa especie máis abundante de cada tipo ou a máis doada de atopar no litoral galego.
O “atlas” de Ríos Panisse amósanos a existencia de peixes que recoñecemos co mesmo nome de Ribadeo á Guarda, como ocorre co bonito (Germo alalunga), a faneca (Gadus luscus), a maruca e variante meruca (Molva molva), a morea (Muraena helena), o ollomol (Pagellus centrodomus), a robaliza (Morone labrax), o rodaballo (Scophthalmus maximus), a sardiña (Sardina pilchardus) e a solla (Pleuronectes platessa). Congro (Conger conger) e badexo (Gadus pollachius) son designacións únicas na costa galega, pero con variantes fonéticas e algunha morfolóxica.
Porén hai peixes ben coñecidos pola denominación única para o tamaño normal, que teñen nomes diferentes cando son máis pequenos. Así, a sardiña de menor tamaño ten dúas designacións moi populares: xouba, termo exclusivamente galego, é propio do Baixo Miño, das Rías Baixas e de parte da Costa da Morte; e parrocha, forma de todo o Cantábrico, mesmo da costa vasca, é voz case única desde a Mariña do Eo-Navia ata Laxe, aínda que en portos da Costa da Morte e das Rías Baixas pode concorrer con xouba. O termo petinga, propio de todo o litoral portugués, Ríos Panisse rexistrouno en Caión e en Cesantes.
Nos portos galegos o congro e o badexo tamén posúen nomes para os exemplares pequenos: anguiacho é o máis estendido para o congro e corbelo (e variantes como curubelo) éo para o badexo; e cando este ten un tamaño mediano, o termo máis usado é sarreta e variantes. A robaliza grande ten robalo como designación unitaria, pero a de tamaño pequeno presenta moitas denominacións como chasca en Noia, chibana en Viveiro ou chalizo na Guardia.
Outros peixes teñen unha designación máis ou menos xeral no litoral de fala galega, pero tamén outros lexemas, ademais de variantes fonéticas da voz común. E hai peixes con dúas ou máis denominacións cunha certa distribución xeográfica, como ocorre co Mullus barbatus, que se denomina barbo de xeito exclusivo nas Rías Baixas e a na Costa da Morte (e no Golfo Ártabro en Sada), mentres que no resto do litoral é salmonete (e variantes); ou Trachurus trachurus, que desde A Guarda a Cedeira a forma común para designalo é xurelo, mentres que en Cariño, en Bares e en todo o Cantábrico, ata a fronteira con Francia, denomínase chicharro.
Francisco Fernández Rei
Académico de número