
A imaxe é unha montaxe sobre unha das ilustracións do propio libro realizadas por Mima, nena á que se lle encargou que debuxara para o conto.
Nos setenta do século XX, cando publicar na nosa lingua comezaba ser un chisco máis doado, iníciase tamén a reivindicación da literatura infantil e xuvenil propia, non só coa recuperación dos contos da tradición oral, senón tamén coa creación orixinal. Neste escenario aparece Arcadio López Casanova co relato infantil O bosque de Ouriol que se publica en 1973 en Galaxia tras gañar, un ano antes, o primeiro premio no V Concurso de Contos pra nenos que convocaba a Agrupación Cultural O Facho. Con anterioridade xa resultara premiado Carlos Casares (amigo persoal do poeta) con A Galiña azul en 1968, converténdose nun pioneiro da literatura infantil en galego.
O bosque de Ouriol é un fermoso relato, desde o punto de vista visual, xa que xoga coa tipografía en diferentes cores, coa forma e disposición do texto e, sobre todo, coas ilustracións en cor encargadas a Mima, nena e filla do tamén ilustrador Xohán Ledo, nome artístico de Ricardo García Suárez. Mais a beleza tamén radica no contido do propio texto. Conta a historia dun neno, Ouriol, aparecido de súpeto en terras aldeás, quen, malia os bos coidados dunha anciá que o acolleu, inicia a busca das súas orixes. No seu percorrido para na vila, na casa do vello reloxeiro, onde aprende o oficio e astronomía, mais o mar chama por el e continúa a viaxe ata a costa. Podería verse certa equiparación coa propia vida de Arcadio López-Casanova, un neno criado no interior galego que desenvolveu a súa vida adulta en fronte do mar, o Mediterráneo. A riqueza léxica é impresionante e, á vez, ten que ser un texto sinxelo e accesible a un novo lector. Ao lado de palabras do léxico da Galicia interior: gándaras, campas, chairas, riscos e cumios, atopamos tamén outras costeiras: ondas, vagas, escuma ou peiraos. Unha curiosidade, o contiño achega un glosario mínimo para non se perder na lectura, se te estás iniciando na nosa lingua.
Ouriol é, neste contexto, un antropónimo. Un nome propio atribuído a unha persoa, que significa ‘dourado’ e que está vinculado co latín aurum e do que deriva a forma Aureolus ‘de cor dourado’. O seu emprego entre os galegos é infrecuente segundo o Instituto Galego de Estatística, mais a súa presenza é abondosa en Aragón e Cataluña desde a Idade Media. Quizais non lle fose alleo ao noso lugués asentado en Valencia.
Ouriol é a designación coa que recoñecemos un paxariño migrador, o oriolus oriolus: ‘ave pertencente á familia dos oriólidos, de cor amarela, con ás e rabo negros, peteiro rosado e ollos vermellos, o macho, e de cor verdosa nas partes superiores, parda nas ás e no rabo e abrancazada con raias pardas nas inferiores, a femia’. Ao longo do territorio galego encontramos para esta ave diferentes designacións, todas válidas, inda que non todas se rexistren no Dicionario. A primeira delas é ouriol que podemos localizar na Galicia interior, en concellos como Navia de Suarna e tamén na comarca de Sarria, onde se atopa o Páramo, concello no que pasou a nenez Arcadio, na casa da súa avoa paterna. Este termo procede do latín vulgar *aureolus que significa ‘douradiño’, que foi o nome que substituíu o clásico galbulus que se entendía como ‘amareliño’, referido á cor da plumaxe. Nas provincias costeiras recoñecen a ave con nomes patrimoniais que xorden, algúns, do enxeño popular como vichelocrego, unha formación por aglutinación da frase viches o crego. Hai quen pensa que o nome se debe a unha comparación coa indumentaria dos curas (negra), porque tamén se recollen nomes como crego amarelo ou creguiña. Nos territorios do sur galego coñécese co nome de papafigos, denominación vinculada á súa alimentación, porque no verán, antes de volver para pasar o inverno ao quente do sur, colle enerxía a base de figos e cereixas. O nome milleiro tamén se vincula co millo, o cereal, pero pola cor amarela do mesmo e non porque o coma. Por último, en Ourense, abeirando con León, recóllense as formas milpéndora ou milpéndola indícase que o nome podería formarse tomando coma base o latín pinnula (pluma), porén o dicionario de Rivas Quintas faino cadrar con pendere (colgar) debido ao xeito de facer o niño coma unha cunca colgante.
Este paxaro pasa a primavera e o estío en Galicia, e é coñecido tamén noutros países europeos. Nas linguas da nosa contorna recibe diversos nomes que fan tamén referencia á súa plumaxe amarela, semellante ao ouro. Por iso en inglés aparece golden oriole (ouriol dourado); en francés loriot jaune (ouriol amarelo); en castelán oropéndola que procede da locución latina auri pinnula ‘plumiña de ouro’; en italiano rigogolo, evolución do latín vulgar *aurigalbulus, que significaba ‘paxaro amarelo coma o ouro’. O portugués papa-figos garda relación cos hábitos alimentarios da ave, o mesmo que o alemán Kirschvogel, ‘paxaro das cereixas’.