Outros protagonistas do Entroido

Seguro que coidas que do Entroido xa cho dixemos practicamente todo… Pois inda nos quedan cousas por compartir contigo. Unha celebración tan enraizada na nosa sociedade dá moito de si. Non hai recuncho do noso país onde non se festexe dun xeito ou doutro e non hai dúbida ningunha de que temos un abano amplo de protagonistas de noso que percorren vilas e lugares durante a tempada carnavalesca para deleite de todas e todos. Por isto o Entroido galego será declarado como Ben de Interese Cultural (BIC), trámite que se iniciou recentemente ao se publicar no Diario Oficial da Galicia (DOG) a resolución coa que se comeza o procedemento para o devandito recoñecemento. Así, esta celebración estaría protexida polo seu interese etnolóxico, a función social e a riqueza cultural e patrimonial que representa, así como pola súa capacidade de xerar riqueza no ámbito local, fortalecer a convivencia e o entretemento.

A singularidade dos diferentes tipos de entroidos existentes reside, entre outras cousas, na gran cantidade de personaxes únicos que se documentan ao longo do territorio: aparicio, charrúa, peliqueiro, pantalla, choqueiro, entroideiro. Non son os únicos, hai outros non menos populares e importantes nas zonas de orixe que saen para nos lembraren que participamos nunha festa ancestral.

Algunhas destas figuras son o vellarón, unha máscara antiga que saía a correr o Entroido no concello de Riós (Ourense) e que estaba esquecida na década dos setenta do século XX, mais que foi recuperada na actualidade. Este persoeiro leva unha máscara, cun nariz afiado, cellas poboadas, bigote e barba negra feitos de la de ovella, e unhas orellas prominentes feitas de cartón. A camisa decórase con fitas de once cores. O pantalón vai engalanado con flocos das mesmas cores que a chambra. Como accesorios leva unhas campás no cinto e un pau, o farrampo,  co que zosca. Da palabra farrampo non se teñen moitos datos, parece que garda relación con farrapo “tiras de tea” que ten a súa orixe, segundo Corominas, no francés antigo frape ‘farrapo’, de étimo incerto. A denominación designadora do personaxe vellarón é un derivado apreciativo, creado mediante un sufixo aumentativo e de certo matiz pexorativo sobre o adxectivo vello, que ten a súa orixe no latín vulgar *veclus que remite ao clásico vetulus, diminutivo de vetus ‘ancián, de idade avanzada’.

Un destes protagonistas que identificamos nitidamente cos antigos festexos de comezo do ciclo vital na natureza é o oso de Salcedo (Lugo). Aquí unha persoa disfrazada coas peles de animais, coa pretensión de semellarse a un oso, percorre os rueiros e os camiños para asustar os veciños do lugar. Esta figura, tras un longo período hibernando, abandona a súa cova e pretende enlamar a todo aquel que se cruza con el. Lingüisticamente a denominación coincide coa que recibe o animal plantígrado que vén do latín ursus de significado semellante.

Se nos achegamos ás Rías Baixas, en concreto a Vilaboa, atopamos o Entroido de Cobres, documentado xa no século XVIII, onde cómpre salientar as madamas, mulleres que representan unhas donas de posición social elevada, nas que destaca a ostentación cun lote de bixutería e un rechamante sombreiro con flores, brillantes, pequenos adornos, espellos, monecos, plumas… As súas parellas son os galáns, que visten tamén cun sombreiro suntuoso e roupas de cores. Como curiosidade diremos que ambas as dúas figuras van coa cara descuberta. Estes personaxes así engalanados representan a ledicia da rapazada e son os anunciadores do inicio da primavera e do novo ciclo vital. O termo madama é un préstamo tomado do francés madame ‘título das mulleres nobres’, palabra formada sobre a voz dame que procede do latín domina ‘dona da casa’. O vocábulo galán ten tamén procedencia francesa, está tomada do francés galant, que era o participio presente do verbo do francés antigo galer ‘divertirse’.

Na comarca da Ulla temos os famosos xenerais, personaxes que xorden inspirados nas loitas da primeira metade do XIX naquel río durante as invasións napoleónicas. Estes engalanados militares do Entroido galego percorren os concellos da Ulla animando os veciños coas súas lides dialécticas, chamadas atranques ou altos, empregando o ton humorístico. A tropa vai uniformada ao estilo militar e leva cabalgadura con vistosos arreos. Está composta polos abandeirados, os correos e os xenerais. A denominación abandeirado “persoa encargada de levar a bandeira”, é unha palabra derivada de bandeira ‘pano que é o símbolo dun territorio, partido ou rexemento’, formada, á súa vez, sobre banda, que ten a súa orixe no gótico bandwo ‘signo’ ou ‘bandeira’. O vocábulo correo, que se define como a “persoa que ten por oficio levar a correspondencia dun lugar a outro”, está relacionado co catalán correu e este co francés antigo corlieu, formado por corir ‘correr’ e lieu ‘lugar’. A palabra xeneral, definida polo DRAG como “xefe militar de máis alto grao no exército de terra ou do aire”, é un préstamo no galego, e en último termo remóntase ao latín generalis ‘que pertence a un xénero’.

Un protagonista do Entroido vigués é o merdeiro ou o escabicheiro. Unha máscara dos barrios populares da cidade que tiña coma obxectivo facer mofa dos labregos que limpaban os pozos negros e levaban o contido para estercar as terras de labranza. Como a actuación destes entroideiros molestaba moito (por irreverentes e procaces) a burguesía de comezos do século XX, esta conseguiu que se prohibisen en 1908 e ata non hai moito tempo non se volveron ver. Visten con traxe campesiño composto por unha camisa branca, chaleco e pantalón de pano; e do seu cinto penduran elementos vexetais, como, por exemplo, unha restra de cenorias. Os nomes coloquiais que designan estes protagonistas son dous derivados mediante o sufixo –eiro. Merdeiro toma como base o substantivo merda ‘excremento sólido’ que procede do latín merda, co mesmo significado; escabicheiro (os campesiños recolledores dos restos de peixe ou de escabiche) é unha forma derivada de escabiche, variante usada nos portos pontevedreses de escabeche “mollo feito con aceite, allo, loureiro, vinagre e pemento doce, como ingredientes básicos, que se utiliza para conservar ou adobar o peixe”, voz que procede do árabe hispánico assukkabáǧ, que nos leva ao árabe sikbāǧ ‘guiso de vinagre’.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir