pailebote

O Constantino Candeira entrando en Málaga en xullo de 1924. Biblioteca da Fundación Barrié

Unha marea de poesía

No verán percorremos Galicia dende Ribadeo ata A Guarda, sempre á beira do mar. No Portal das Palabras adoramos o interior, os seus ríos, montañas e devesas, pero tamén precisamos o cheiro a marusía máis ca nunca e decidimos emprender unha viaxe ao longo dos 1.498 quilómetros da costa que baña esta terra. E facémolo na mellor compaña posible: a vosa e a da poesía. A marea de versos vén cargada de palabras relacionadas co mar que inspiran os poetas dende os tempos dos trobadores medievais e o Rexurdimento ata a actualidade. Comezamos!

augamar | gaivota | furna | buguina | salseiro | robaliza | pailebote | cantil

ENCHERÉMO-LAS velas
ca luz náufraga da madrugada
Pendurando en dous puntos cardinaes
a randeeira esguía
do pailebote branco
Manuel Antonio, De catro a catro, 1928

 

Énos hora de saír a navegar pola costa na compaña da poesía vangardista. Nesta xeira achegámonos ata Rianxo para que Manuel Antonio nos guíe e nos indique cal será a embarcación máis axeitada para a nosa viaxe. E será unha gamela, unha dorna ou quizais unha lancha? Tratándose do autor de De catro a catro, non imos ter máis opción que enrolarnos nun pailebote.

Manuel Antonio (1900-1930) é o home que inaugura a nosa modernidade poética, expresada no manifesto estético Máis alá (1922), onde proclama que, sen renegar dos devanceiros, é preciso escribir de xeito novo. El mesmo materializouno en títulos como Con anacos do meu interior, Foulas, Sempre e mais despois, Viladomar, e sobre todo, De catro a catro, o seu único poemario publicado en vida e exemplo nítido da vangarda creacionista. Manuel Antonio racha coa realidade e crea outra, autónoma, na que as imaxes se afastan do tradicional botando man dun léxico inédito na poesía ata ese momento, co emprego de cultismos xunto a termos da navegación. Entre estes últimos escollemos o pailebote dos versos que abren este Allos con bugallos, dedicado ao que vén sendo unha embarcación antiga de vela, con dous ou máis mastros, e con certo parecido a unha goleta. Pero, ollo, o pailebote branco de Manuel Antonio non é un calquera!

O poeta rianxeiro reflectiu en De Catro a catro. Follas sin data d’un diario d’abordo (1928) as primeiras travesías que realizou nas súas prácticas de piloto da mariña mercante no pailebote Constantino Candeira. Capitaneábao Augusto Lustre Rivas, compañeiro de viaxe ao que lle dedicou este libro escrito nun caderno contable e concibido durante as travesías nesta nave, que ía cargada con madeira e conservas e volvía con sal de Torrevieja ou cemento de Tolosa.

O pailebote é un tipo de embarcación ben coñecida no Mediterráneo, inda que parece que a súa orixe estaría en certo tipo de goletas das Bermudas, o territorio británico de ultramar máis antigo. As raíces xeográficas axudan a indagar nas lingüísticas: pailebote é unha adaptación ao galego do inglés pilot boat, a embarcación dos pilotos, en concreto dos prácticos que a usaban pola súa manobrabilidade. Antes ca na obra de Manuel Antonio, só chegara na nosa lingua á imprenta unha única vez, no ano 1888, a través das páxinas da revista A Fuliada.

O poeta tamén emprega na súa poesía a voz paquebote, que designa un tipo de buque de transporte de pasaxeiros e correo. El mesmo estivo embarcado nun destes vapores, o Gelria, un barco holandés que podía facer viaxes transatlánticas con máis dun milleiro de pasaxeiros a bordo. Igual ca pailebote, paquebote é unha adaptación oral do inglés, neste caso de packboat, palabra composta de ‘pack ‘paquete de cartas’ e boat ‘barco’. Manuel Antonio foi neste caso o primeiro autor en plasmala por escrito nos versos do poema co que nos despedimos ata a vindeira entrega da serie estival dedicada á poesía e o mar.

FOMOS ficando sos
o Mar o barco e mais nós
   Roubáronnos o Sol
   O paquebote esmaltado
que cosía con liñas de fume
áxiles cadros sin marco
            Manuel Antonio, De catro a catro, 1928
Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir