Voces mundiais

Xa sabedes que este ano a voz escolleita como a palabra do ano para todas nós foi tanxugueiras. Non cabe dúbida ningunha de que é unha aposta particular e autóctona. Ao par, tivestes presentes outros vocábulos vinculados coa realidade global na que nos vemos obrigados a vivir: vacinómetro, resiliencia, gromo. Non fostes os únicos, se damos unha voltiña polo mundo adiante, vemos que hai seleccións compartidas (outras non tanto):

Alá nos Estados Unidos

O dicionario Merriam-Webster, coma en ocasións anteriores, fixo a escolla da palabra do ano 2021 segundo o nivel de buscas que se deron na súa páxina; e resultou elixida vacine (vacina). Esta palabra, na actualidade, non é un simple termo médico para as e os norteamericanos; xa que para moitos deles simbolizaba o retorno á vida que levaban antes de que aparecese a pandemia. Tamén provocou un gran debate na sociedade americana ao redor de se a vacinación tería que ser obrigatoria ou non; a súa defensa vinculouse a certas filiacións políticas: os demócratas, favorables; os republicanos, antivacinas. Ademais de constatar a desigualdade na atención médica nese territorio e do acceso a ela… Poucas palabras, daquela, poden expresar tanto sobre do momento que vive a sociedade estadounidense.

A páxina Dictionart.com escolle e insire na súa obra o termo allyship. Indican que resulta difícil resumir todo o acontecido nun ano cunha soa palabra; pero sinalan que hai unha que é quen de enlazar moitas das experiencias vividas no 2021. Segundo eles Allyship (que podería equivaler a ‘aliado’ ou ‘activista’) é un vocábulo que representa a persoa de certo prestixio ou poder que traballa activamente pola inclusión dun grupo de individuos marxinados na sociedade dominante.

A American Dialect Society, entidade fundada en 1889, estuda a lingua inglesa nos EE.UU. e as variedades que exercen influencia sobre ela; está constituída por lingüistas, especialistas en lexicografía, etimoloxistas, escritoras e escritores. Desde 1990 escolle a palabra do ano, non todas as elixidas están ou se van incorporar ao dicionario, mais reflicten a importancia que tiveron nun momento determinado. A primeiros do mes de xaneiro de 2022 reuníronse (de xeito virtual) os membros desta sociedade para escolleren a palabra que se revelou a máis significativa durante o 2021 e ditaminaron que era insurrection. Un ano despois do asalto ao Capitolio a sociedade americana está a intentar explicar aquela situación. Foron varias as denominacións que se empregaron, pero semella que insurrection (insurrección) é a que máis acae para describir o sucedido como o “intento violento de tomar o control do goberno”, con consecuencias que teñen medo que duren aínda moito tempo.

Gran Bretaña, sen moitas diferenzas

Unha das obras lexicográficas máis veteranas da lingua inglesa é o dicionario Collins. Unha editorial fundada en Escocia en 1819, especializada en temas educativos e relixiosos, logo diversificou os temas e, na actualidade, o sello Collins quedou como referencia para os dicionarios. As persoas responsables da páxina consideran que o ano 2021 está representado por unha abreviatura: NFT, (non-fungible token), unha chave electrónica única, indivisible, transferible e coa capacidade de verificar un ente dixital. Un neoloxismo propio do ámbito da informática co que se indica a quen pertence unha peza de traballo dixital, convértese en fundamental no eido da criptoarte ou dos xogos dixitais.

Para o dicionario Oxford o termo máis representativo do ano é vax, empregado asemade para os conceptos (vacina) ou (vacinación). É un termo coloquial, froito de acurtar vacine, datado por primeira vez en 1990. As persoas encargadas de estudar o corpus da lingua inglesa (English language corpus) descubriron que vax, unha palabra pouco frecuente ata o ano 2021, aumentara o seu uso e mesmo xerara derivados, sobre todo, en contextos informais.

O Cambridge Dictionary é unha obra das máis empregadas polas persoas que estudan inglés. Estes usuarios e usuarias decidiron que a palabra que as representa no 2021 é perseverance (perseveranza), ‘o esforzo continuo para facer ou lograr algo, incluso cando isto é difícil ou leva moito tempo’. A razón de que fose unha voz moi procurada recae na denominación escolleita para a misión da Nasa para recoller mostras en Marte. O termo está relacionado co verbo to persevere (perseverar). Porén, non é menos certo, que ás veces se fala de mostrar perseveranza na loita contra a adversidade, inda que a situación ou o evento resulte difícil ou desafortunado. En 2021, as persoas de todo o mundo mostraron perseveranza diante dos novos desafíos e a interrupción das súas vidas por culpa da COVID-19.

Australia, escolla polo propio

Alá nas antípodas -Australia-, onde tamén empregan a lingua anglosaxoa, o Australian National Dictionary Centre da Universidade Nacional de Australia (ANU) escolleu como palabra que define o ano strollout, vocábulo creado para nomear unha realidade particular ‘o lento proceso de implantación do programa de vacinación contra a COVID-19 en Australia’. Foi elixido dentro dunha longa relación de palabras e frases amplamente empregadas polas persoas que viviron en Australia ao longo deste ano. Esta escolla amosa o ánimo que embargou a cidadanía no comezo do proceso de implantación da vacinación, considerado demasiado lento. Esta selección coincide coa que se deu no seo do comité de elección do Macquarie Dictionary. Eles indican que este substantivo coloquial e humorístico simboliza a ironía da poboación australiana respecto ao lanzamento do programa de vacinación da Covid-19 en Australia percibido coma lento.

O Xapón, vai ao seu rumbo

No Xapón a palabra gañadora é… pois son dúas porque houbo empate. Cada ano a editorial Jiyū Kokumin Sha publica unha relación con trinta termos ou expresións que representa a terminoloxía máis empregada durante o ano. Nela recóllense as palabras relacionadas coa Covid-19, co deporte ou con diversos feitos que representan o que lle aconteceu á sociedade xaponesa. Pois, entre todas, as dúas expresións gañadoras están relacionadas co béisbol Riaru nitōryū e Shō taimu, ambas as dúas vinculadas co xogador do devandito deporte, Shohei Otani, e a súa destreza no xogo, como lanzador e como bateador.

Suíza: a enfermidade tamén estivo presente nos cantóns

En Suíza o departamento de Lingüística da Universidade de Ciencias Aplicadas de Zürich (Zürcher Fachhochschule) indicou que as palabras que os representan son, en italiano, certificato, o documento que permite unha maior liberdade de movementos e que nun mundo sen fronteiras cómpre telo. Para a lingua alemá é o termo Impfdurchbruch, que fai referencia á esperanza que trouxo consigo a vacinación e á decepción que supuxo cando apareceron as ‘reinfeccións logo da vacinación’. Para as persoas que designaron a palabra dos francófonos a vencedora é iel, pronome de terceira persoa que pretende indicar a inclusión, pero que suscitou bastante polémica. Por último, en romanche elixiron respect e pazienza que para os tempos actuais a todas nos fai boa falta.

A Sociedade para a Lingua Alemá (GfdS) anunciou que a palabra para o ano 2021 é Der Wellenbrecher (dique). A voz quere sinalar todas as medidas que se tomaron e se tomarán para tratar de deter as diferentes vagas que xurdiron desde a aparición da pandemia. O vocábulo é propio do ámbito da protección costeira e a construción naval, asumiu unha serie de novas acepcións debido ao tema que tamén dominou no 2021: a pandemia da Covid-19. Entre outras cousas, significaba ‘medidas contra Covid-19’ e ‘período no que se aplican’, e tamén a ‘persoa que as segue’ (convértete nun dique!).

Nos Países Baixos, segundo o Gran Dicionario Van Dale, a voz gañadora foi Prikspijt, que significa ‘arrepentimento pola vacinación’, votada maioritariamente, resultado que se xustifica pola intervención directa no proceso dos antivacinas, e ao que contribuíron tamén moitas persoas que experimentaron molestias logo da pinchada ou que se viron decepcionadas por constatares de que a vacina non era unha solución definitiva.

Na Península, a Covid-19 tamén triunfou

A palabra do ano en Portugal resultou ser vacina,  porque as vacinas foron desenvolvidas en breve tempo, e convertéronse na maior arma contra a Covid-19, no que os lusos foron os líderes mundiais na súa inoculación. Esta elección coincide coa da Fundación del Español Urgente (FundéuRAE), promovida pola Agencia EFE e a Real Academia Española, onde vacuna resultou seleccionada como palabra do ano 2021. En Cataluña, o neoloxismo negacionisme (a cara oposta aos defensores das vacinas) foi elixido coma a palabra do 2021 por ser a máis votada na convocatoria aberta que propuxo o Observatori de Neologia da Universitat Pompeu Fabra (OBNEO) e o Institut d’Estudis Catalans (IEC), na que participaron máis de 8000 persoas. Estamos de estrea, xa que a Euskaltzaindia e o Centro Vasco de Terminoloxía e Lexicografía UZEI, entidade asociada á Academia do Éuscaro, tamén elixiron o termo aldaera (variante) como palabra do ano 2021 para o éuscaro. Esta é a primeira ocasión en que ambas as dúas entidades seleccionan a palabra do ano, e optaron por un vocábulo asociado á pandemia de uso frecuente no ano que acabou.

Nos países da lusofonía: a preocupación social é evidente

No Brasil, segundo Cause –equipo formado por profesionais da socioloxía, antropoloxía, a xestión pública etc.–, a palabra que mellor resume o seu espírito ao longo do 2021 foi vacina, o vocábulo escollido por unanimidade polos entrevistados de todas as rexións do país. Coidan que esta palabra é a catalizadora da esperanza dos brasileiros e brasileiras, xa que simboliza a posibilidade de chegar a tempos mellores e o aumento da autoestima.

En Angola a palabra do ano é unha iniciativa da Plural Editores que ten como obxectivo destacar a riqueza lexical e o dinamismo da lingua portuguesa, patrimonio vivo e precioso de todas as persoas que nela se expresan. Alí elixiron o termo zungueira, vocábulo que fai referencia ás ‘mulleres que se dedican á venda ambulante polas rúas’ e que protestaron pola súa persecución e a súa elevada fiscalidade.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir