Non somos os únicos que escollemos a Palabra do ano, esta é unha iniciativa que se leva a cabo con distintas variantes para moitas linguas do mundo, e resulta curioso e interesante observar o que decidiron as e os participantes nas convocatorias doutras linguas.
As máis próximas
En Portugal a campaña #apalavradoano, iniciativa rexistrada pola editorial Porto Editora, ditou que a voz lusa do ano 2023 foi professor, xa que neste ano o colectivo de docentes lusos reivindicou a posta en valor do seu labor mediante numerosas manifestacións por todo o país. A Euskaltzaindia (Real Academia de la Lengua Vasca) e o UZEI (Centro de Terminoloxía e Lexicografía) elixiron a voz zerrenda en éuscaro por ter un uso máis que destacable ao longo do 2023. O incremento do uso do topónimo Gazako zerrenda permitiu popularizar a acepción ‘franxa’ da palabra zerrenda. En catalán, o Institut d’Estudis Catalans indicou que a palabra nova definitoria do ano 2023 foi o neoloxismo viralitzar (‘difundir contidos a través de Internet, especialmente mediante as redes sociais, que se propaga de xeito análogo a un virus’) que acadou o 28’19% dos votos recibidos. A palabra que se seleccionou para o castelán desde a FundéuRAE foi polarización, que foi preferida a outras candidatas pola súa presenza nos medios de comunicación ao longo do último ano, aínda que é un termo que o DRAE rexistrou xa en 1884.
A selección europea
En Suíza as e os investigadores do Departamento de Lingüística Aplicada da ZHAW escolleron unha serie de voces para cada cantón, segundo a lingua do mesmo. Na área do italiano seleccionouse GPT froito do triunfo dos programas baseados na Intelixencia Artificial (IA) no ano 2023. A zona de fala francesa escolleu décombres (entullos), elección motivada pola destrución física produto das guerras ou os fenómenos naturais acontecidos ao longo do ano; e, en sentido metafórico, utilizouse moito en relación ao derrubamento da banca Credit Suisse e as perdas que provocou. A palabra do ano na Suíza de fala alemá foi Monsterbank, voz creada para referirse á fusión bancaria resultante da adquisición do Credit Suisse por UBS. A elección do termo Solarexpress no retorrománico ou romanche tivo unha motivación local, e fai referencia á construción de sistemas solares na montaña.
Nos Países Baixos, a voz escollida polo dicionario Van Dale está relacionada coa economía: Graaiflatie, definida como o ‘encarecemento aplicado polas empresas aos seus produtos ou servizos para compensar a suba das materias primas, os custos de produción e a man de obra, sen renunciar ás ganancias previas á crise’. Este termo tamén resultou electo na sección belga da mesma editora, e está tomado do inglés greedflation contracción de greedy máis inflation que se podería traducir como a ‘inflación cobizosa’.
En Alemaña, a Sociedade para a Lingua Alemá (GfdS) anunciou como palabra do ano 2023 Krisenmodus. A sociedade alemá imbuíuse nun modo crise, consecuencia das dificultades económicas, dos conflitos bélicos próximos e dos máis distantes e tamén dos estragos provocados polos fenómenos climáticos extremos que padeceron.
En Italia, o Instituto da Enciclopedia Italiana (Treccani), dentro da campaña #leparolevalgono, seleccionou como palabra do ano 2023 o termo femminicidio. A súa argumentación non se centra na frecuencia de uso da palabra en termos cuantitativos, senón na súa relevancia dende o punto de vista sociocultural. Por desgraza, en 2023 en Italia a súa presenza cobra maior relevancia, ata converterse nunha especie de alarma que sinala, no plano lingüístico, as consecuencias da discriminación de xénero.
Na lingua anglosaxoa a tecnoloxía dixital deixou a súa pegada
En Gran Bretaña o dicionario Collins, obra lexicográfica veterana do inglés, escolleu o termo IA, a abreviatura da frase Artificial Intelligence, selección motivada polo impacto da aparición dos diferentes programas de intelixencia artificial na sociedade con produtos dunha calidade notable. O Cambridge dictionary, o máis empregado polas persoas que estudan inglés, decidiu que a palabra do 2023 é hallucinate ‘alucinar’, co argumento da incorporación a esta voz dunha nova acepción referida ao ámbito da intelixencia artificial. Esta nova acepción fai referencia aos erros cometidos por algúns destes programas, que dan lugar a falsidades perigosas. Segundo o dicionario de Oxford a palabra merecedora de representar o 2023 é Rizz. Un vocábulo da Xeración Z para referirse ao ‘estilo, encanto ou atractivo’, o que entre nós dicimos “ter un aquel”.
Nos EE.UU. o dictionary.com escolleu tamén hallucinate como a palabra do ano 2023. Os lingüistas do dicionario Merriam-Webster propuxeron authentic (auténtico, -a), un dos vocábulos máis buscados na súa obra debido ao auxe da Intelixencia Artificial (IA) e a aparición de calotes que pasan por auténticos; nestes casos as persoas reclaman que non as enganen e que lles proporcionen o “auténtico”. Nos antípodas, as e os técnicos do dicionario Macquarie escolleron cozzie livs que é un termo que se orixinou no Reino Unido, pero que en Australia se converteu nunha expresión coloquial para designar o custo da vida. Porén a escolla popular foi generative AI, substantivo referido á aplicación da intelixencia artificial para producir novos contidos, como texto, imaxes, vídeos, etc. mediante o uso da aprendizaxe automática.
Os países máis afastados de fala lusa
No Brasil o dicionario online de Português (Dicio) anunciou que IA ou Inteligência Artificial, foi seleccionada como a Palavra do Ano de 2023 polo seu carácter atemporal, por se tratar dunha palabra que reflicte un avance non só tecnolóxico, senón tamén social. Outra forma de escoller a Palavra do Ano de 2023 no Brasil é a da enquisa realizada por CAUSE, consultoria em causas e ESG, co Instituto de Pesquisa IDEIA, onde saíu a locución mudanças climáticas. Semella que as secas nas terras amazónicas, os temporais e as altas temperaturas en distintos lugares están a chamar a atención nas e nos brasileiros. Agora viaxamos ata Angola, onde a palabra elixida foi semba, que designa un xénero musical e baile recoñecido como patrimonio cultural inmaterial nacional. En Mozambique escolleron mambas, que é a voz popular coa que se coñece a selección de fútbol do país.
Unhas escollas particulares
Este ano a Pan South African Language Board (PanSALB), unha asociación de Suráfrica que avoga polo plurilingüismo e desenvolvemento de todas as linguas do país, tanto as oficiais coma aquelas que foran marxinadas, deu como palabra que define o ano que rematou russia-ukraine debido ao conflito bélico e o seu uso nos medios oficiais; mais advirten que o termo que triunfa nas redes sociais é kuningi, unha palabra zulú que significa ‘é moito’ e que se emprega para expresar a sensación de abafamento pola abondosa información.
A editorial Jiyū Kokumin-sha publicou que a palabra do ano no Xapón está relacionada co deporte rei no país nipón, o béisbol. A escollida era ARE, un acrónimo que se forma cos termos ingleses Aim (puntería), Respect (respecto), Empower (apoderar), voces destinadas a arengar o equipo dos Tigres de Hanshin, que conseguiu o campionato. O adestrador usaba esta voz nas charlas previas para manter a concentración dos xogadores. Pero a Editorial de dicionarios Sanseidō propuxo chikyū futtōka que se traduce por ‘ebulición global’. A empresa argumenta que o vocábulo é das voces clave que marca a época actual; xa que o Xapón padeceu récords de temperaturas e fortes choivas como aconteceu no resto do planeta.