Os galegos e as galegas, a través da campaña Palabra do Ano, −iniciativa da RAG e a Fundación Barrié−, eliximos a voz xenocidio coa que se demostra a preocupación da sociedade galega polo que acontece máis alá das súas fronteiras. Imos ver, agora, se coinciden as nosas inquedanzas coas dos nosos veciños peninsulares. Para os e as lectoras do xornal catalán La Vanguardia, en ambas as dúas edicións: a catalá ou a castelá, a palabra que definiu o ano 2025 foi genocidi. Os acontecementos sucedidos en Palestina ao longo do ano pasado fixo que non se puidesen buscar eufemismos que disfrazasen a situación e levouna ao primeiro lugar. Por outra banda, o Observatori de Neologia (OBNEO) da Universitat Pompeu Fabra escolleu como neoloxismo do 2025 o termo vespreig, ‘actividade social que consiste en saír á noitiña cos amigos e amigas a bares, terrazas ou calquera outro espazo de lecer, para compartir tapas, copas, música e conversa’, a versión modernizada dos seráns.
A FundéuRAE escolleu, para o castelán, o vocábulo arancel, cuxa presenza nos medios de comunicación aumentou de modo significativo nos últimos doce meses. As negociacións comerciais cos EE.UU. acerca das exportacións e importacións estiveron en boca de todos, sobre todo, pola suba destas taxas que impuxo o presidente Trump. Así, un termo do comercio internacional converteuse nunha voz habitual no día a día. Unha escolla semellante foi a da Euskaltzaindia (Real Academia da Lingua Vasca) e UZEI (Centro de Terminoloxía e Lexicografía), xa que elixiu como voz do 2025 do éuscaro muga-zerga (imposto fronteirizo), co sinónimo aduana-zerga. As abondosas novas sobre os novos tributos aduaneiros anunciados por Donald Trump axudaron a consolidar este termo. Por iso, a Academia Vasca incluíu as dúas locucións no seu dicionario normativo co significado de ‘imposto que grava produtos estranxeiros na aduana’.
Para o portugués, segundo a iniciativa Palavra do ano de Porto Editora, o termo que representou o 2025 en Portugal foi apagão, unha voz do rexistro coloquial, que se define como a ‘interrupção temporária, geralmente repentina e inesperada, do fornecimento de energia elétrica em certa cidade, região, etc.’ e argumentaron que a falta de abastecemento eléctrico paralizou o país, deixando milleiros de persoas sen acceso a transporte, comunicacións e servizos básicos.
A seguir cómpre sinalar as eleccións das linguas europeas do noso redor. Para o Departamento Lingüística aplicada da ZHAW de Suíza as palabras que definiron o ano 2025 foron Dazi, Frauen-Nati, génocide e IA en italiano, alemán, francés e romanche, respectivamente. A selección foi levada a cabo por catro xurados compostos por profesionais da linguaxe e a comunicación que elixiron para o cantón de fala italiana dazi facendo referencia á decisión da administración Trump de impoñer aranceis extremadamente altos ás importacións procedentes duns douscentos países. Génocide resultou a gañadora na zona francófona, o seu uso leva varios anos aumentando nos medios de comunicación, unha tendencia confirmada en 2025. Frauen-Nati (selección nacional feminina) é a escollida na área de fala alemá; xa que, logo da Eurocopa Feminina 2025 en Suíza, esta voz cobrou relevancia, e isto constátase no aumento das afiliacións de xogadoras nos clubs suízos co soño de xogar algún día na selección nacional. En retorrománico, a escollida foi IA, coñecedores da importancia da dixitalización do retorrománico, é fundamental que a intelixencia artificial fale tamén nas linguas minoritarias. En Alemaña o xurado da Sociedade para a Lingua Alemá (GfdS) indicou como palabra do ano 2025 KI-Ära (era da IA). Consideraron que a intelixencia artificial (IA) saíu do ámbito da investigación científica e chegou á sociedade, cada vez máis persoas usan ferramentas da IA no seu día a día. Por iso, a GfdS pensa que comezou unha era onde a influencia da Intelixencia Artificial é innegable, xa que esta ofrece moitas oportunidades, pero tamén trae consigo riscos por un uso inadecuado. A palabra do Ano 2025 elixida polos editores do dicionario Van Dale para os Países Baixos e Bélxica foi hallucineren (alucinación) significando ‘proporcionar información que non está baseada en datos (fiables) e, polo tanto, inexacta ou completamente errónea’, esta é unha acepción neolóxica que adquiriu un vocábulo xa coñecido. As aplicacións de IA, como ChatGPT e Gemini, empregan a linguaxe xerativa para responder ás preguntas dos usuarios e, ás veces, dan respostas incorrectas e alucinantes.
En Italia, segundo o Istituto della Enciclopedia Italiana Treccani a voz do ano que deixamos atrás foi fiducia, nun ambiente cheo de incertezas semella que se necesita ter certo grao de confianza para relacionarse cos outros sen temor, tendo fiúza en si mesmo e na comunidade coa que nos relacionamos. En cambio, o dicionario Petit Robert escolleu o termo masculinisme, xa que as buscas desta voz no seu dicionario aumentaron progresivamente desde o 2023 ata o 2025; grazas, quizais, ao éxito acadado pola serie Adolescencia nunha popular plataforma audiovisual. A palabra emprégase para sinalar o movemento que apoia a ‘reivindicación de certa masculinidade que aparece nas redes sociais feita por influenciadores que non aceptan a igualdade de dereitos das mulleres’.
En canto ás escollas dos dicionarios europeos de fala inglesa sinalaremos que o Collins escolleu a voz vibe coding (o código intuitivo), frase acuñada polo fundador de OpenAI, Andrej Karpathy, coa que afirmaba que a IA sería quen de programar de por si se se lle indica como tería que ser o código a xerar. Para o Oxford Dictionary o vocábulo do ano 2025 foi rage bait (tradución literal ‘engado de carraxe’). Un termo neolóxico froito da unión de dúas voces comúns: ‘ese bocado tentador que ao remate nos enfada pola decepción que provoca o contido ao que se accede’, está vinculado con clickbait, para nós cazaclics; mais o rage bait caracterízase por provocar ira, discordia e polarización. O Cambridge Dictionary elixiu ‘parasocial‘ como a palabra do 2025. Produciuse un incremento das relacións denominadas parasociais, un tipo de fanatismo vinculado coas interaccións que sosteñen as persoas do común con certas personalidades famosas e mesmo coa IA no espazo virtual. Estas relacións resultan excesivas e, sobre todo, unilaterais.
A voz seleccionada como palabra do ano pola plataforma norteamericana Dictionary.com foi 6-7 (pronunciada six-seven). Apareceu nunha canción do rapeiro Skrilla en decembro do 2024 e popularizouse entre a rapazada e a mocidade a comezos do verán. Ninguén ten claro o seu significado. Porén, o resto dos dicionarios de lingua inglesa, non británicos, coinciden na súa escolla de modo unánime, xa que o Merriam-Webster seleccionou a voz slop (galdrumada) como Palabra do Ano 2025. Defínese como o ‘contido dixital de baixa calidade que se produce normalmente en moita cantidade mediante intelixencia artificial’. Esta enxurrada recibida en 2025 incluíu vídeos absurdos, imaxes publicitarias desaxeitadas, propaganda, noticias falsas que semellan reais, libros lixo escritos por IA, informes de traballo automatizados que fan perder o tempo aos colegas e axudan pouco… Do mesmo modo se manifestou a American Dialect Society na súa 36ª votación anual das palabras do ano e seleccionou «slop» como a Palabra do Ano para 2025. A proposta australiana do dicionario Macquarie resultou semellante á dos EE.UU., dado que escolleron AI slop (galdrumada da IA) nome coloquial co que se designa o contido dixital de baixa calidade xerado pola IA que, a miúdo, contén erros e nin sequera foi solicitado pola persoa usuaria.
O Xapón atende código propios e así se debe entender a escolla do carácter –kuma– como o termo do ano 2025. Este representa o ‘oso’ e parece que esta escolla está xustificada polas numerosas novas que saíron na prensa sobre avistamentos e ataques de osos. En segundo lugar, apareceu o vocábulo kome, ‘arroz’, que se emprega, tamén, para referirse a EE.UU, escolla motivada, ao mellor, pola suba do cereal e polas relacións dos dous países neste momento.






















