Se vas á mercería

O retorno do feito a man xustifícase na procura de actividades que nos relaxen e nos afasten da tensión laboral. Daquela hai quen fai crebacabezas, outros mandalas e algúns cosen, fan calceta ou labores de gancho. Para estas últimas persoas as mercerías son establecementos fascinantes, definidas polo Dicionario como “tenda onde se venden artigos de costura, roupa miúda, encaixes, lazos etc.”, as profesionais e os profesionais que agardan detrás do mostrador son as merceiras e os merceiros. Estas voces teñen a súa orixe na análoga catalá merceria emparentada co occitano antigo mersaria que deriva do termo mertz ‘mercancía’.

Naquelas tendas atopamos un cento de cousas relacionadas coa costura e tamén a roupa miúda. Así todas teñen unha área dedicada ao instrumental preciso para realizar os diferentes labores. Destacan por ter unha gran variedade de agullas ‘barras finas de metal ou doutro material, acabada en punta por un extremo e cun orificio por onde se pasa un fío, cordel etc., para coser e bordar’ que van desde as máis habituais para dar unha puntada a man ata as especializadas como as agullas de calcetar. A calceta é un labor de punto que se fai con estas agullas no que se emprega habitualmente con la. A orixe da denominación radica no diminutivo de calza que, á súa vez, vén do latín vulgar *calcea que remite ao clásico calceus ‘zapato’. Outro tipo de agulla especial é a de gancho, “aquela coa punta curva ou en forma de gancho” e o tecido obtido é denominado gancho ou labor de gancho, convén evitar o uso de vocábulos alleos como crochet ou ganchillo.

Outros obxectos que se comercializan nas mercerías son os corchetes, vocábulo que ten a súa orixe no francés crochet ‘gancho’; os imperdibles ou prendedores, unha sorte de arame dobrado que se pecha introducindo a punta nunha carapucha empregado para manter unidos dous tecidos. Para protexérmonos das picadas das agullas de coser empregamos o dedal (voz formada sobre “dedo”), que ten como sinónimo alferga, procedente do árabe hílga ‘argola’, voz que se utiliza tanto para o obxecto que cobre todo o dedo como para aqueloutro que está aberto pola punta e semella un aro ancho. Tamén nos chega desde o árabe outros vocábulos da costura, como alfinete e alfineteiro que teñen a súa base no árabe hispánico alẖilál, e este do clásico ẖilāl. Nestas tendas adoita haber un expositor cheo de cores, dedicado ás bobinas de fíos, vocábulo que procede do equivalente francés bobine, sinónimo de carrete, onde, en vez de fío, podemos atopar enroladas fitas ou cintas.

Se falamos da roupa miúda, alí atopamos panos da man, cadrados de tea fina usados para asoar o nariz e que quizais debemos recuperar o costume de regalalos e deixar de andar cos de papel, que moi ecolóxico non resulta. Podemos ver calcetíns ou peúgos, pezas de vestir que cobren o pé e a perna ata o xeonllo como moito. Calcetín deriva de “calza” e peúgo lévanos ao latín vulgar peducum, que nos achega ao latín clásico pes, pedis ‘pé’. Da frase media calza chégannos as medias que poden ser ata o xeonllo ou ata o van. Habemos achar nestas tendas calzóns ou cirolas e tamén bragas; alí véndense tamén suxeitadores, apertadores ou axustadores (prenda interior que sostén o peito), camisetas interiores, bisos ou combinacións. Para quedar na casa ofrécennos batas de casa, camisóns ou pixamas, denominación esta última dunha peza de roupa para ir durmir, cuxa denominación está tomada do inglés pyjamas, procedente do hindi, que, á súa vez, nos remite ao persa pajama ‘prenda que cobre as pernas’.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir