En tempos moi belicosos cobízase acadar a paz. Esta enténdese como a ‘ausencia de guerra’; quizais conviría ir un chisco máis alá e non se conformar con deter as contendas senón acadar unha convivencia carente de violencias en todas as circunstancias, arelar a equidade e o respecto aos dereitos humanos, mesmo cando non se produzan conflitos bélicos.
O Dicionario define o termo paz como a “ausencia de loita armada, exterior e interior, nun pobo, nación ou estado”, lévanos ao latín pax, pacis de significado semellante. O seu antónimo é guerra, a “loita con armas entre dous países ou entre dous bandos dun mesmo país”. Para conseguir o cesamento das hostilidades entre os litigantes −a segunda acepción de paz no DRAG− adóitase asinar un tratado, o punto final dun proceso de paz ‘conxunto de accións que conducen ao final dun conflito armado entre dous contendentes’. Mentres se levan a cabo as negociacións o habitual é que aparezan períodos de tregua ‘suspensión das hostilidades durante un período de tempo acordado polos contendentes’, vocábulo que procede da palabra gótica trĭggwa ‘tratado’. Unha voz considerada sinónima é armisticio, cultismo proveniente do latín moderno armistitium. En calquera tregua ou armisticio o primeiro que se solicita é un alto o fogo, que o Dicionario define como a “suspensión das hostilidades entre bandos belixerantes”. As hostilidades son os “feitos hostís”, voz procedente do latín hostilĭtas, -ātis, onde significaba ‘dano que en tempo de guerra se lles fai aos inimigos’, voz que atopamos na locución cesamento ou cesación das hostilidades. Logo da I Guerra Mundial, por mor da devastación enorme que produciu este conflito armado, cobrou forza o pacifismo ‘doutrina que rexeita a violencia e propugna a paz e o desarmamento’, vocábulo cognado do francés pacifisme, empregado polo escritor Émile Arnaud, un dos primeiros autores declarados pacifistas e contrarios á guerra.
Máis alá do ámbito bélico, a palabra paz forma parte dunha serie de frases feitas que se empregan habitualmente. De todas elas o Dicionario rexistra: deixar en paz, expresión que utilizamos para indicarlle ao interlocutor que “non moleste”. Se se afirma que estamos en paz con outra persoa, admítese que ‘non lle debemos nada’ e que se saldou calquera débeda contraída. Se, por calquera cousa, alguén se encabuxa con outra persoa convén facer as paces ‘reconciliarse’. Ao pertencer a unha sociedade maioritariamente católica recoñécese, dentro deste contexto relixioso, a palabra paz como sinónimo de felicidade; e así, cando se lle di a un defunto que descanse en paz, exprésase mediante esta fórmula o desexo de que consiga atopar a felicidade eterna segundo as crenzas cristiás.
O refraneiro, coa súa sabedoría popular, tamén bota man desta voz e dános consellos para facilitar a boa veciñanza: Teñamos paz e chegaremos a vellos e estoutro tamén moi acaído Se queres vivir en paz, canto ves non xulgarás. Por outra banda, sen guerra e tendo de que comer di o refrán que a vida é máis apracible: A paz e o pan quitan moitas penas ou Deus me dea paz na vila e na casa pan e fariña!; ademais tamén advirte que Na paz e na guerra o que matan morto queda e ante a constatación do irreversible da morte, sentenza Teñamos paz e a guerra téñaa quen queira. Só queda por dicir: Amén!






















