A Asemblea Xeral da ONU, no ano 1954, recomendou destinar un día para fomentar a fraternidade entre os nenos e as nenas do mundo, e promover o seu benestar con actividades sociais e culturais. Así, en 1959, proclamouse o 20 de novembro como o Día Mundial da Infancia que cadra co aniversario da aprobación da Declaración dos dereitos do neno e da nena. Hoxe queda aínda moito por facer xa que a infancia non acadou o seu benestar merecido. Con todo préstanos renderlle unha pequena homenaxe lingüística á nosa rapazada no seu día. Imos dar unha voltiña para descubrir como chamamos por eles cando falamos galego.
Comezamos o camiño coa voz neno, nena. Di o Dicionario que se trata da “persoa que está na nenez”. Esta denominación podémola recoñecer todas as persoas que usamos o galego polo territorio adiante. O Atlas Lingüístico Galego sinala que toda Galicia sabe quen é un neno ou unha nena. Se ben, uns e outros pronunciámolo con diferentes realizacións fonéticas na vogal tónica segundo as distintas zonas dialectais, con pechada nas provincias costeiras e con aberta nas interiores. Logo, no sur de Ourense, emprégase a denominación meniño, -a; miniño, -a e tamén menino, -a que é unha variante do anterior. A palabra neno ou nena naceu como unha creación expresiva que nos remite ao latín vulgar *ninnu(m). Porén non somos os únicos que empregamos esta denominación porque é común a outros idiomas como é o catalán, castelán, falas occitanas e italianas. Así encontramos as formas: nen, -a; niño, -a; nin, nina e no sur de Italia ninna (no resto do territorio italiano considérase unha voz antiga fronte ao estándar bambino, -a).
Outras formas que usamos para nomear as criaturas son aquelas que fan referencia á súa escasa estatura como é o vocábulo cativo, -a. Este termo patrimonial procede do latín captivu, derivado de capere ‘coller’ que significaba ‘prisioneiro de guerra’, logo pasou a indicar ‘desafortunado’ e de aí a ‘ruín’ e á par destoutros semas, ‘de escasa calidade’ ou ‘de baixa estatura’. Isto último é o que lles acae a un neno e a unha nena que che son de medida pequena ata que medran na adolescencia e che comen o caldo na cabeza. O seu emprego é propio dos galegofalantes que habitan na liña fronteiriza entre as provincias da Coruña e Lugo, desde o norte ata o sur: Mañón, Moeche, Aranga, Viveiro, Ourol, Muras, Guitiriz, Palas e Taboada. Outro dos termos que segue os parámetros do anterior é pequeno, -a, e os derivados mediante sufixación afectiva como son pequecho, -a e pequerrecho, -a. As creacións sobre pequeno fan referencia ao talle das persoas por criar. Da súa orixe indica Corominas que é unha voz expresiva xurdida no latín vulgar *pitinnus, común a varias linguas romances como ocorre no italiano pìccolo e piccìcono, no francés petit, no sardo pithinnu e no gascón pouninn. As galegas son denominacións que se empregan no interior da provincia de Lugo, en Castro de Rei, Meira, A Fonsagrada, Baralla, Láncara ou Triacastela.
A voz pícaro, -a é de orixe incerta, e deu unhas cantas reviravoltas ata chegar a significar neno ou nena en galego. A súa etimoloxía é moi discutida. Segundo a opinión dalgún estudoso a nacenza da palabra podería estar relacionada coas falas gremiais e relacionarse co verbo “picar” que se referiría aos diferentes oficios que chegaban a desenvolver os pícaros naquela altura. Eran traballos desenvoltos desde moi novo para aprender unha profesión. Co paso do tempo a palabra acaba por designar o aprendiz, sen ningún matiz pexorativo, e como os aprendices adoitaban ser nenos e nenas, acaba por nomear os máis pequenos da casa. Así son chamados no norte da provincia de Lugo: Ourol, Cervo, O Valadouro, Ribadeo, Vilalba, A Pastoriza, Cospeito e A Pontenova.
Por último temos o substantivo rapaz, -a. O Dicionario defíneo na súa primeira acepción como a “persoa que está entre a infancia e a xuventude”. Non tería moita cabida neste pequeno artigo, xa que se trata do neno medrado, inda que non chega a adulto. Porén nalgunhas zonas do noso territorio toma a acepción de “neno, -a”, e mesmo os proxenitores falan dos seus fillos e fillas pequenas co termo rapaz ou rapaza, sendo ben pequerrechos, coa variante raparigo, -a. A distribución non é uniforme, pódese dicir que se atopa este uso con frecuencia no sur da Coruña, Pontevedra e Ourense. Na zona sureste da provincia de Ourense aparece a forma rapá como variante particular. Cando buscamos a orixe da voz temos que ir á Idade Media onde designaba o ‘criado’, daquela tiña certo valor despectivo, remóntase ao latín rapax, -acis ‘que é quen de roubar’.