Pan de barco

No primeiro plano: Galleta ou pan de barco do H.M.S Galatea. Photographer: Robert Clendon.Te Papa [blog.tepapa.govt.nz]

A moitos de nós a lectura de Robinson Crusoe levounos, na nenez, a procurar a illa deserta máis próxima (un recuncho debaixo dun sofá, unha árbore, unha despensa ou un faiado) para emprender a romántica aventura de vivir sen máis compañía que a de Venres. Naquela escapada non podía faltar a caixa de galletas, pois inda Robinson, no seu desgraciado naufraxio, contaba cun barril delas que apañara de entre os restos do seu barco. Pois ben, esperamos non chafar a ninguén se descubrimos que aquelas galletas de Robinson non eran galletas maría…

O pan de barco ou de piratas ten a súa orixe no Reino Unido, logo pasou ao resto de Europa: Francia e España. A necesidade vén de lonxe. A descuberta da cocción dos cereais viuse como unha fonte de alimento necesaria. Os exipcios xa alimentaban cunha torta semellante nos seus barcos, os romanos tiñan o bucellatum e ás Cruzadas tamén se levaba un biskit of muslin. Co descubrimento de América e o desenvolvemento das grandes armadas era preciso ter unha forma de manter os mariñeiros fácil de transportar e, sobre todo, de conservar. As embarcacións que facían a travesía transatlántica eran de madeira, non semellaban moi seguras para ter un forno onde cocer e a fariña tampouco tiña as condicións de conservación axeitadas. Así que en lugares como Neda (A Coruña) instaláronse as reais fábricas de biscoitos que abastecían deste produto aos barcos da Armada. Esta modalidade de galletas perduraron en América e foron recuperadas por unha fábrica de Lugo: As galletas mariñeiras.

As denominacións comúns son produto da funcionalidade do alimento xa que son coñecidas como pan de barco ou biscoito de barco. Dado que son unha sorte de masa, semellante ao do pan atendendo aos ingredientes, que ten un tempo de lévedo menor e que sofre un proceso de cocción lento para que se deseque e dure máis. Cando falamos de biscoito debemos saber que é un termo que procede da redución da frase panis biscoctus, na que o adxectivo é unha composición latina bis- ‘dúas veces’ e o participio coctus que significaba ‘cocido’. Porén, en galego, acabou designando un ‘doce de miga mol’ unicamente. Denominando o pan reseco para unha conservación maior: galleta. Somos quen de rastrexar a palabra polas linguas próximas, en catalán, bescuit, onde ten as dúas acepcións, unha a de galleta dura e outra, pan doce. En francés, biscotte; en italiano, biscotto, en portugués, biscoito de mar ou biscoito e en ingles, biscuit onde conservan a significación orixinaria.

Unha segundo volta que se lle deu o pan de barco foi cando Theodore Pearson, no ano 1792, elaborou un pan con fariña e auga ao que denominou, pan de piloto que deseguida acolleron con moito éxito os mariñeiros e pasou a ser coñecida como hardtack ou galleta náutica. Logo, Josiah Bent, en 1801, cando queimou unha fornada destas galletas, deuse conta como crocaban e rompían e de aí a denominación anglosaxoa cracker.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir