petanca

Xogos tradicionais

As XXXII Olimpíadas, terán lugar do 23 de xullo ao 8 de agosto de 2021 no Xapón. Mais, que lonxe quedan esas terras nipoas!!! pero nós imos participar, se vos presta, grazas aos xogos tradicionais.

As diferentes culturas deron orixe a unha gran variedade de xogos e deportes tradicionais que representan a riqueza cultural dun pobo. Daquela promover a práctica destes constitúe unha tarefa importante. Estes entretementos contribúen ao entendemento entre os diferentes grupos culturais e sociais. Teñen unha vantaxe importante, non requiren instalacións, nin equipamento custoso, de aí que sexa ben achegar o xogo e o deporte a todo o mundo, mesmo a aqueles de escasos recursos.

Por todo isto, imos darlles un repaso a algúns, que coñecemos abondo, para divertirnos este verán e brincar un chisco.

mariola | birlos | agocho | chapas | as lombas | billarda | chave | petanca | pilla

A petanca é un xogo ou unha sorte de deporte popular que ten a súa orixe na Provenza —cando menos na súa versión actual—, mais era coñecido amplamente na Europa Occidental xa desde antes: na antigüidade podemos rastrexar variantes de brincar con bólas. Os historiadores falan de que os gregos, no século VI a. C., xa xogaban con pedras planas do río —que despois cambiaron por outras máis redondas— e que tamén foron os primeiros en idear unhas normas que seguir. Os gregos campaban da forza que tiñan que exhibir cando arrebolaban as rochas. Os romanos, logo, presumirían máis de habilidade que requirían cando se aproximaban o máximo posible á boliña pequecha que se guindaba ao primeiro para comezar a xogar. Crese que os mariños ou os soldados romanos levaron este divertimento á Galia e ao val do Ródano. Despois, co tempo, substituíronse as pedras por bólas de madeira con cravos para que pesasen máis, ata chegar ás que se empregan na actualidade.

Hogano para esta práctica deportiva precísase dun boliche, unha boliña pequena, de trinta milímetros de diámetro e que pesa, como moito, dezaoito gramos, e dunha serie de dúas bólas homologadas de metal, dun diámetro de oito centímetros como máximo e dun peso comprendido entre 650 e 800 gramos. Para comezar cómpre ter un terreo chairo, rectangular e, a poder ser, areoso, cunhas dimensións de catro metros de ancho por quince de lonxitude. Deseguido debúxase unha roda no chan; nela sitúase a persoa que vai xogar e, sen poder saír de aí, deberá guindar o boliche a un mínimo de seis metros de distancia para dar o xogo por comezado. Os restantes participantes teñen que achegar as súas bólas á pequena; canto máis cerca, máis opcións de puntuar.

Tal e como se coñece hoxe, a petanca é unha modalidade deportiva nacida en 1907 en La Ciotat, no sur de Francia, e pódese practicar a calquera idade. A denominación é froito da adaptación da expresión de orixe occitana pieds tanqués, que se pode traducir por ‘pés xuntos’ ou ‘pés chantados’. Disque houbo un xogador das bólas que, por un accidente, quedou inmobilizado das pernas e desesperábase por non poder xogar; daquela, o seu irmán propúxolle xogar á súa afección sen impulso, desde un lugar onde ficase inmóbil. Outras versións din que a orixe radica noutra persoa, neste caso cunha doenza reumática que lle impedía moverse, que propuxo estoutra variante de xogo para así poder participar tamén ela.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir