pilla

Xogos tradicionais

As XXXII Olimpíadas, terán lugar do 23 de xullo ao 8 de agosto de 2021 no Xapón. Mais, que lonxe quedan esas terras nipoas!!! pero nós imos participar, se vos presta, grazas aos xogos tradicionais.

As diferentes culturas deron orixe a unha gran variedade de xogos e deportes tradicionais que representan a riqueza cultural dun pobo. Daquela promover a práctica destes constitúe unha tarefa importante. Estes entretementos contribúen ao entendemento entre os diferentes grupos culturais e sociais. Teñen unha vantaxe importante, non requiren instalacións, nin equipamento custoso, de aí que sexa ben achegar o xogo e o deporte a todo o mundo, mesmo a aqueles de escasos recursos.

Por todo isto, imos darlles un repaso a algúns, que coñecemos abondo, para divertirnos este verán e brincar un chisco.

mariola | birlos | agocho | chapas | as lombas | billarda | chave | petanca | pilla

Para finalizar este verán tan xoguetón non nos queda outra que darlle unha volta á pilla, un divertimento que che é vello coma o mundo e cuxa práctica relacionamos coa rapazada. Así e todo, os adultos trouleamos con el dun xeito ou doutro, dado que pasamos media vida a correr para que non nos pillen. Neste xogo fórmanse dous equipos, máis ou menos parellos, e  nel hai que facer prisioneiros os participantes do equipo contrario; gaña o que menos integrantes perda e máis pille do contrario. Esta actividade lúdica tamén é coñecida como o marro ou o telo.

Ao redor deste xogo aparecen moitas outras modalidades distintas que parten dun concepto común: o de pillarmos uns a outros, pero con certas diferenzas, como é o caso do pano. Este consiste en que dúas persoas, ao rematar unha conta, deben coller o pano que unha terceira sostén no ar. O que o atrapa sae correndo e o outro adversario debe intentar pillalo antes de que se salve chegando á casa. As quedas é outra sorte de xogo de persecución infantil no que un dos xogadores debe atrapar todos os demais ou un deles. A pita cega é outra modalidade de divertimento persecutorio no que quen lle toca perseguir teno que facer cos ollos vendados cun pano, o que aumenta a dificultade.

O termo pilla é un derivado regresivo do verbo pillar, que procede da voz italiana pigliare (‘coller’). Sobre a mesma base atopamos locucións como xogar ás pilladas ou ao pilla-pilla. Noutras linguas tamén atopamos nomes que participan de denominacións creadas de xeito semellante ao noso, é dicir, que parten dunha forma verbal relacionada co concepto ‘atrapar’, como o verbo inglés to catch, (‘pillar’); en Portugal, o substantivo apanhada, derivado sobre apanhar, e, en italiano, acchiapparella, que se forma a partir do verbo acchiappare (‘coller’). Por outro lado, atopamos unha serie de designacións formadas ao redor de certos animais, como en catalán, que se rexistra gat i la rata; en francés, jeu du loup ou jouer à chat; ou en italiano, lupi. Todas estas denominacións están motivadas no feito de que os animais  que designan este xogo son cazadores que perseguen as súas presas.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir