Montes e serras: O monte Pindo

AnuscaCM. commons.wikimedia.org

A montaña de Galicia : unha volta para 2024

Se no verán de 2023 percorremos as nosas praias, neste ano imos facer un percorrido pola outra face de Galicia.
Coñecida é a dualidade do noso país, con trazos diferenciais entre a montaña e o mar tan marcados que ás veces un pode cambiar de universo nunha breve camiñada. Inda que non pretendemos comezar unha nova xeira de competición xeográfica que xa estamos bastante servidos, este ano o noso cantar vai de montaña:

Anque che son da montaña,
anque che son montañesa,
Anque che son non me pesa.

Montes e serras:

O Cebreiro | O Pindo | O Xistral | A Capelada | O Courel | O Faro | O Xurés | Os Ancares | Pena Trevinca

O Pindo

No tempo en que os galegos eramos descendentes dos gregos, o monte Pindo puido ter un irmán na Tesalia, o Pindos, o mesmo que Zas podía ter outro irmán no cumio máis alto das Cícladas, o monte Zas, onde din que naceu Zeus, na mesma illa de Naxos onde Teseo, tan ingrato, abandonou a Ariadna.

Pero estas teorías tan fermosas desbotáronse ao fin e o Pindo, despoxado deste parentesco, apuntouse logo á corrente celtista e aínda anda hoxe, por Internet adiante, co sobrenome de Olimpo celta. E non faltan razóns para isto: ao seu suxestivo nome, engádeselle a forma espectacular, que contrasta coas lombas redondeadas ás que nos ten afeitos a paisaxe e as caprichosas formas dos penedos que aparecen chantados por todas partes. A súa impresionante mole granítica vén a ser, de acordo cos xeólogos, un extremo dun moi antigo volcán, crisol onde se formou todo o granito de Galicia.

Hoxe, a súa etimoloxía, segundo din os expertos consultados, parece relacionarse con “piñeiro”, pinetus, ou coas rochas ou penedos, ‘pinnetus’. E hai razóns para pensar que este nome latino desprazou ao de Carnota, que nomeaba toda a zona. Non hai por que laiarse: tamén os queixumes dos piñeiros son celtas se un os escoita coa debida actitude.

Moitos son os atractivos que se poden atopar arredor deste cumio: a longa e salvaxe praia de Carnota, as dunas e as gándaras de Caldebarcos, a lagoa de Louro ou a famosa desembocadura do Xallas que se precipita no mar precisamente pola configuración granítica da zona. O fenómeno prodúcese por ser o Xallas un río recente en termos xeolóxicos e din os expertos que, se baixase o nivel do mar, todas as rías de Galicia terían esta configuración.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir