Plantas do Nadal

Mes de decembro, mes de Nadal. Achéganse as festas máis populares do ano. Levan aí toda a vida, dende o inicio dos tempos. A humanidade celebrou os solsticios, xa que eran os indicativos de mudanzas vitais. O de inverno simboliza a morte (pola falta de luz) e o posterior renacer (as sementes que emerxerán). Os romanos festexaban a súa chegada coas festas saturnais, durante sete días, intercambiábanse regalos, prendíanse candeas e decorábanse as casas con plantas. A versión moderna é a decoración profusa dos comercios, das rúas e dos fogares polas festas de Nadal. Esta é moi variada grazas aos accesorios que mercamos nas tendas. Non hai tanto, collíase o que se tiña á man e montábanse ornamentos naturais, aínda que hai unha simboloxía moi antiga que vai máis alá do simple enfeite.

Este é o caso do acivro, “árbore silvestre, de follas brillantes elípticas ou ovais, duras e con espiñas nos bordos, flores brancas, e froito en bagas de cor vermella e madeira clara, dura e compacta”. Medra ben nos lugares húmidos e sombrizos. Atopámolo no oeste e no sur de Europa, e en Galicia dáse en todo o territorio, mais é abondoso nas zonas da montaña do centro e interior. Proba disto é a aparición na toponimia: temos Acivro como nome de lugar en Lugo, en Alfoz, Begonte e Vilalba; en plural, Acivros, na Coruña, en Cesuras e Moeche. Baixo a forma Acivreira ou Acivreiro, en Sobrado (A Coruña) e Muras (Lugo). A variante gráfica Acevo está en Becerreá e na Fonsagrada (Lugo), e na provincia de Ourense, en Trives.

O termo acivro designa a planta ilex aquifolium, a ‘aciñeira’ en latín, que o botánico Linneo complementou co apelativo aquifolium, ‘folla con espiñas’. Os nomes comúns desta árbore son abondosos e diferentes ao longo do territorio. Acivro dise no interior das provincias da Coruña e Lugo, cevro na Coruña costeira, acevo no oriente da provincia de Lugo e en puntos de León. Na metade da provincia de Ourense coñecen a forma acevro, e na de Pontevedra fan uso de acivo. Todas proceden dunha forma vulgar da área galega lusitana *acifŏlum, que remitiría á clásica aquifŏlium ‘follas espiñentas’, e sufriría unha evolución semellante a *trifŏlum que dá “trevo”. En galego grafamos coa letra <v> as palabras latinas que conteñen –F– intervocálico, porque sonoriza en u ou v, como podemos ver tamén en lōfa (luva) ou profectu (proveito). Outro vocábulo que recoñecemos para a planta é xardón, que se localiza en Triacastela e en Folgoso do Courel, e que se cre que é unha palabra prerromana. No centro de Galicia, en pingotas esparexidas, aparecen algúns outros termos que nacen da descrición física do arbusto e do efecto que produce naqueles que se arriman á planta, de aí: rascacú, picaburros, picamulos.

Os celtas consideraban o acivro sagrado e que atraía a boa sorte. Os xermanos colocaban unha póla del na porta das súas casas para afastar os malos espíritos, e os romanos, como xa se dixo, enfeitaban os fogares nas festas saturnais. Simbolizaba o acivro a continuidade da vida, posto que é unha planta que resiste os rigores do frío e dá os seus vistosos froitos en plena invernía. O cristianismo adoptouno e outorgoulle un valor simbólico que se adaptaba ao seu culto. Así pois a coroa ornamental feita con acivro pasou a simbolizar a coroa de espiñas da paixón de Cristo e os froitos vermellos as pingas do sangue deste. Na actualidade é unha especie moi valorada xa que lles ofrece refuxio e alimento en inverno a moitas especies de animais silvestres, como os leiróns, o corzo e a pita do monte. Como o seu froito madura nunha época do ano en que o alimento escasea, xoga un importante papel trófico nos meses máis desfavorables para a fauna. Debemos coidalo e protexelo de calquera ameza. Busquemos, daquela, alternativas para os adobíos de Nadal.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir