Oito praias para o verán de 2023
De praia en praia o verán todo! Isto é vida! Mais… de non poderes, propómosche oito areais que son perfectos para estes días de calor.
De norte a sur e da Guarda ao Cantábrico, buscamos as máis fermosas, as que teñen lendas curiosas e historias de interese. Todas xemas mariñas escollidas entre as que máis nos chamaron a atención e que ademais teñen nomes que paga a pena saber de onde veñen. Quedáronnos fóra moitas e moi boas, mais se che gustaron estas, quizais outro ano poidamos facer unha nova rolda. Agardamos que si!
As praias:
Traba | Louro | Doniños | A Lanzada | O Rostro | Pantín | Rodas | As Catedrais
Rodas
Situación:
Illas Cíes. Concello de Vigo
(Parroquia de Santiago do concello de Cangas)
Características:
1.300 m. de lonxitude
Praia protexida do océano
Area fina
A praia de Rodas conseguiu sona mundial cando no ano 2007 o diario británico The Guardian a cualificou como a mellor do mundo, colocándoa por riba das de zonas como O Caribe ou das das illas do Mediterráneo. Sobre os méritos non cabe discusión: a limpidez das súas augas e a suavidade da area. Desde aquela fixémonos máis conscientes, se cabe, de termos unha versión do paraíso na boca da ría de Vigo.
A barra de Rodas une dúas das illas principais do arquipélago das Cíes, a de Monteagudo e a do Faro, que coa de San Martiño e varios illotes pechan a ría. O conxunto entrou na rede dos parques naturais en 1980 e, desde 2001, forma, coas Ons, Sálvora e Cortegada o Parque Nacional das Illas Atlánticas. O obxectivo destas actuacións é preservar este lugar de especial interese paisaxístico e xeolóxico das actividades humanas que poidan poñer en perigo os ecosistemas. Por ese motivo, na actualidade o número máximo de visitantes por día estableceuse en 2.200 persoas.
Os topónimos
As Cíes aparecen citadas como insulae Siccae por autores latinos. Gonzalo Navaza di que o nome latino sería a adaptación doutro referido a unha divindade prerromana das fontes e mananciais.
En canto a Rodas, procedería do latín rota –ae, probablemente polas rodas que utilizaban os pescadores para poñer a secar as redes, o que explicaría tanto este nome como o dado a outra praia próxima, a da Rodeira, en Cangas.
A historia das Cíes
Desde os anos 70 do século XX carecen de habitantes, pero por elas pasou moita e moi distinta xente. Aínda que se considera que os asentamentos humanos foron moi anteriores, quedan restos dun castro da Idade do Bronce na ladeira do monte do Faro, apareceron restos romanos, na Idade Media chegaron os normandos e logo foron morada de monxes bieitos, cluniacenses e franciscanos, pero tamén arribaron ás illas visitantes menos achegados á santidade. Hai constancia de que estivo Francis Drake e logo piratas bérberes e corsarios franceses e ingleses, ata o punto de convertelas nun lugar sen poboación estable a principios do século XVIII. No XIX convertéronse en obxectivo das industrias pesqueiras e no XX do turismo.
Dise, sen que estea probado, que Xulio César quedou un tempo a descansar aquí, algo de entender se temos en conta que para autores como Estrabón ou Plinio estas eran as “illas dos deuses”.