Oito praias para o verán de 2023
De praia en praia o verán todo! Isto é vida! Mais… de non poderes, propómosche oito areais que son perfectos para estes días de calor.
De norte a sur e da Guarda ao Cantábrico, buscamos as máis fermosas, as que teñen lendas curiosas e historias de interese. Todas xemas mariñas escollidas entre as que máis nos chamaron a atención e que ademais teñen nomes que paga a pena saber de onde veñen. Quedáronnos fóra moitas e moi boas, mais se che gustaron estas, quizais outro ano poidamos facer unha nova rolda. Agardamos que si!
As praias:
Traba | Louro | Doniños | A Lanzada | O Rostro | Pantín | Rodas | As Catedrais
Traba na ría de Corme e Laxe
Localización
Boaño, Traba
Concello de Laxe
43º 11′ 39.7″ N – 9º 02′ 19.3″ W
Características
2630 m.
Praia aberta
Area: Fina
A praia de Traba, dous quilómetros e medio de areal situado entre Punta Arnao, ao sur, e Punta Traba, polo norte–. O lugar, catalogado como espazo natural protexido, viviu o seu momento máis terrible no ano 2002, o do Prestige, xa que foi unha das zonas máis afectadas pola marea negra.
Un nome con historia real
A Traba foi unha das nosas familias nobres máis poderosas na alta idade media. O primeiro membro ben documentado da liñaxe foi Froila Vermúdez quen rexía dominios que abarcaban boa parte do cuadrante noroeste do país. Seu fillo, Pedro Froilaz, foi o primeiro Conde de Traba e tamén o primeiro en asinar como Conde de Galiza.
Parece demostrado que a dinastía tomou o apelido do nome dunha fortaleza, que continúa sen estar definitivamente localizada. Porén –como sinala o investigador Paulo Martínez Lema no seu traballo sobre a toponimia da comarca de Bergantiños (2009)– o máis probable é que se situase na parroquia de Santiago de Traba, no actual concello de Laxe. O autor tamén defende que a orixe do topónimo podería estar no substantivo latino tabula, que amais da acepción que ten para nós táboa, presentaba outra, referida a un terreo de forma cadrada, o cal por extensión semántica acabou sendo un anaco de terra con esta forma e que ademais é liso e chan, semellando unha táboa puída. Esta característica coincide coa orografía do terreo onde se asenta a freguesía de Santiago de Traba, unha planicie ao nivel do mar. A conexión etimolóxica con tabula xa a sospeitara Sarmiento, tamén identificándoa coa acepción de ‘terreo chairo’. Este significado consérvao o substantivo tabla en determinadas partes do Bierzo.
Unha contorna espectacular
No areal de Traba sopran, practicamente todo o ano, ventos fortísimos que fan as dunas avanzar cara ao interior, empequenecendo a lagoa de Traba, baixo a cal, segundo a lenda, repousa a cidade pantasma de Valverde, que fora asolagada polo apóstolo Santiago, embravecido polo pouco éxito da súa misión naquel lugar. Tampouco se entende que o pescador galileo agarrase tal anoxo, xa que no val de Traba se ergue unha igrexa románica que ten na súa fachada barroca a imaxe do santo, amais das figuras de Adán, Eva, San Pedro e San Francisco. Con independencia do fervor relixioso de cadaquén, paga a pena visitala polo seu valor monumental e as vistas do val desde o adro.
Rodeando o val, atópanse montes como o da Torre da Moa (241 m.), onde hai un recinto castrexo e se descubriron anacos de cerámica romana e medieval. Tamén se di que na zona subterránea deste monte, baixo a enorme rocha que o coroa, está a Capela dos Mouros. En conclusión, que os motivos para descubrires a praia de Traba van máis aló de gozares de tomar o sol, practicares surf ou bañáreste nun areal que se mantén practicamente virxe, xa que podes visitar unha contorna rica desde o punto de vista ecolóxico e histórico.