Refráns de outubro

Imos darlle unha volta ao refraneiro galego na procura de ditos e refráns onde o mes de outubro, o primeiro mes completo do outono, sexa protagonista. Do décimo mes do ano temos unha serie de ditos relacionados coa chegada e as consecuencias da nova estación: En outubro [documéntase coa voz castelanizada ‘outubre’ por mor da rima], non molesta o lume; como xa non vai calor, presta poñerse ao carón da lareira ou da cociña de ferro para escorrentar a friaxe, polo menos, ao cerrado da noite; por outro lado, advírtesenos, tamén, das fatais consecuencias, de non dar chegado a outonía: Flores de outono, fame para o ano novo. Lémbrannos as obrigas dos labores agrícolas propios desta altura do ano, En outubro, a terra esterca e cobre ou No mes de outono sementa o trigo, Ramón.

Asemade observamos que en moitos dos exemplos se mencionan datas concretas deste mes coincidentes con festividades católicas. Ata non hai tanto os galegos e as galegas eran coñecedores do santoral porque, a maioría era practicante e botaba man del para localizar eventos, sobre todo, festivos. Velaquí unha pequena mostra:

A primeiros de mes festéxase san Francisco (o 4 de outubro), onde as recomendacións son: Por san Francisco bota o liño mourisco, se o botas en san Simón nin da estopa, nin estopón. O liño mourisco ou liño bravo é unha variedade de liño (linum bienne) exclusiva de Galicia, bianual ou perenne, con follas lanceoladas e flores azuis. Esta variedade require ser sementada a primeiros do mes, porque, de o facer máis tarde, co tempo de inverno máis asentado, non se dará ben. Estoutro refrán: En san Francisco trae a candea, en san Xosé lévaa alude a que os días van a menos, cómpre botar man da iluminación artificial para os labores da vida doméstica. Como compensación, as colleitas están almacenadas nas casas, o recollido en sazón e de aí: Polo san Francisco, todo froito é rico.

Avanzamos e celébrase o Pilar (12 de outubro) e san Lucas (18 de outubro). O refraneiro fai referencia a estas festas nas seguintes frases: Polo Pilar, os nabos na terra e o viño a envasar, coa recomendación de ter plantado o nabal e rematada a vendima. Relacionado co viño temos Polo san Lucas mata o teu porco e barra a túa cuba. Esta bebida cómpre conservala en boas condicións, de aí que se recomende illala ben −barrar−; tarefa que se realiza ao redor do 18 de outubro, san Lucas.

Para fechar o mes, o 28 de outubro está dedicado a san Simón e Xudas, e, se nos guiamos polo refraneiro, a invernada está consolidada e as enchentes son habituais: As avenidas de san Simón, antes ou despois sonadas son ou As enchentes de san Simón sonadas son, ou antes ou despois enchen o carro e mais os bois. O temporal marítimo nesa altura é temible, e de aí que nos digan: Por san Simón, camiñar si, navegar non ou Áncoras ó fondo, que chega san Simón. O único consolo é que estamos ás portas dos magostos (festa invernal tradicional galega), tal como o adianta o dito: Por san Quintín castañas ó rolín. Entendemos que a 31 de outubro (día do santo anunciado) os ourizos dos castiñeiros están abertos e as castañas maduras rodan polo chan.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir