Resistentes europeos

A imaxe é un fotograma obtido do vídeo promocional da película documental ‘Cidade da selva: Fuxidos e Guerrilleiros nos montes de Casaio‘ .

Volvemos lembrar Florencio Delgado Gurriarán no seu ano. Logo da ditadura de Primo de Rivera e coa chegada da República converteuse nunha personalidade relevante do Partido Galeguista de Valdeorras a raíz da sólida amizade que o unía con Castelao, comprometido co autogoberno de Galicia e a prol do Estatuto de Autonomía que se plebiscitou en 1936. Dende os inicios da Guerra Civil houbo unha forte represión contra as organizacións republicanas, o que obrigou moitos militantes a escapar ou fuxir aos montes. Na nosa historia contemporánea fálase dos fuxidos para designar estas persoas que, en moitos casos, resistiron durante anos á represión. Non podemos cualificar Delgado Gurriarán exactamente coma un fuxido, pois non se acubillou nos montes mais ca moi ocasionalmente, antes de escapar a Portugal e logo pasar á España Republicana pola fronteira francesa. Mais colaborou moi intensamente na organización de persoas que, co apoio das institucións republicanas, lograron logo escapar a América.

Valdeorras foi unha terra moi castigada pola represión contra a República, e alí xurdiron moitas partidas de fuxidos, que permaneceron activas ata ben andada a década dos anos 40. Os que nos primeiros anos andaban escapados no monte eran os fuxidos. Posteriormente comezaron a se organizar en agrupacións máis estables. A denominación fuxido é a substantivación do participio do verbo fuxir que nos chega desde o latín fugere ‘fuxir’, ‘darlles aos calcañares’ ou ‘poñerse a salvo’. Froito desta marcha forzada milleiros de persoas convertéronse en refuxiados e exiliados, a maioría en América. Alá comeza unha forma de resistencia opositora foránea.

Asemade, en Europa, xorden case polas mesmas datas distintos movementos de resistencia aos réximes fascistas, primeiro en España e logo nos países europeos que sufriron as invasións nazis. Derrotada a República no 39, os superviventes comezaron un movemento de oposición e resistencia ao franquismo coa esperanza de que lles acudiran no seu auxilio os gobernos aliados da II Guerra Mundial. Consistía en pequenos grupos de guerrilleiros, tamén algunhas guerrilleiras, agochados nos montes (os fuxidos do monte), que se converteron nunha sorte de soldados de partidas irregulares que practicaban a guerra de guerrillas nun territorio determinado contra un dominador ilegal, como era o franquismo. En Galicia e en Valdeorras, en particular, xurdiron puntos de oposición ao réxime franquista, organizados na Federación de Guerrillas de León-Galicia, ocultos nas montañas do Bierzo, a Cabreira e Valdeorras. No concello de Carballeda (Valdeorras) atopábase a coñecida como “cidade da selva”, un asentamento relativamente estable de guerrilleiros que vivían en casoupas. A designación créase sobre o substantivo guerrilla que indicaba a ‘guerra onde se ataca por sorpresa e evitando o enfrontamento aberto’ que remite, á súa vez, a guerra, procedente do xermano *werra que significaba ‘pelexa’ ou ‘discordia’.

Durante a II Guerra Mundial nos países ocupados por Hitler xorde, tamén, unha conciencia opositora que posibilita a aparición de organizacións clandestinas de resistencia. Os equivalentes europeos son os partisanos “soldados de tropas irregulares que fan guerra de guerrillas no seu territorio contra o invasor”, persoas que abandonaron o seu traballo ou as terras de labranza para fuxir ao monte e combater o exército nazi e rexeitar a Mussolini en Italia. O mesmo termo emprégase para referirse a actuacións semellantes nos territorios da contorna do mar Adriático. A etimoloxía da palabra atopámola no italiano partigiano que significaba ‘partidario’, ‘persoa que segue un partido’. En terras francesas apareceron tamén grupos guerrilleiros que se movían eficazmente polas zonas montañosas e pouco accesibles. Recoñécense baixo a forma maquis, vocábulo que bebe do italiano macchia que significaba ‘campo cuberto de maleza’. En Francia cando chegaron os combatentes procedentes de España para unirse á resistencia recibiron o nome de guerrilleros.

En territorio galego as denominacións empregadas foron variadas: guerrilleiros e guerrilleiras, escapados ao monte… e tamén maquis que o DRAG recolle con tres acepcións, unha que se refire á “organización de resistencia armada, en particular a de guerrilleiros franceses e iugoslavos durante a ocupación alemá na segunda guerra mundial”, outra a “organización de resistencia formada por guerrilleiros que combatían o réxime franquista tras a guerra civil” e por último, “guerrilleiro de calquera destes grupos”. En Galicia non esquecemos o Foucellas (Benigno Andrade), o Fresco (Manuel González Fresco), o Piloto (José Castro Veiga), Marrofer (Marcelino Rodríguez Fernández), a Chelo (Consuelo Rodríguez), o Curuxás (Ramón Rodríguez Varela), Manuel Puente, Xosé Gómez Gayoso ou Antón Seoane, por citar só algúns nomes.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir