Retallo, retallista e demais familia

Aínda que desde a pandemia do coronavirus aumentou moito a venda de produtos en liña. Non estaría mal recuperar o costume de volver ás tendas máis próximas a nós, as pertencentes ao denominado comercio ao retallo.

Por unha banda facemos vida coa veciñanza, que está moi ben, e pola outra, din que esta modalidade comercial ten unha pegada de carbono menor e convíñanos telo en conta; xa que os produtos da beira non levan consigo grandes desprazamentos loxísticos que as mercadorías adquiridas por Internet poden sufrir. Ti non te moves da casa, pero as cousas veñen de lonxe. Desde o Portal das Palabras decidimos contarvos algo máis sobre estes vocábulos que se empregan neste xeito de comerciar: ao retallo e retallista. Vaiamos, máis ca nunca, por partes!

Un retallo é “cada un dos anacos que quedan dunha cousa despois de cortala”. Así define o Dicionario este substantivo, creación  regresiva do verbo retallar “cortar, dividir en retallos”. Este, á súa vez, describe a acción de tallar varias veces. E faino botando man do prefixo de orixe latina re-, que ten o significado de ‘acción repetida’, e dunha forma do latín vulgar *taleare, formado a partir do latín talea, que significaba ‘rebento, abrocho’.

En consonancia co significado de retallo, a expresión venda ou compra a retallo ou ao retallo é aquela que fai referencia ao comercio de mercadorías en cantidades pequenas e dirixido aos consumidores e consumidoras finais, fronte ao comercio por xunto ou en groso, que se refire á venda de produtos en grandes cantidades aos intermediarios. Falamos, polo tanto, do comercio ao retallo para referírmonos á venda propia das feiras tradicionais, onde os labradores e gandeiros lles daban saída aos seus pequenos excedentes de produción; pero tamén á que se realiza hoxe en todo tipo de establecementos comerciais onde enchemos as nosas despensas ou os armarios da roupa, dende as máis pequenas da nosa rúa ata os supermercados de maior tamaño.

Retallista é así o adxectivo que se refire tanto aos comerciantes implicados neste elo final da cadea da distribución como a todo o relativo ao comercio ao retallo, pero non só iso! O Dicionario recolle para este termo unha terceira acepción que o converte no substantivo que denomina a “persoa que se dedica á confección de teas utilizando a técnica da retallaría”. Si, si, esa que consiste en coser retallos de tea de cores, debuxos e formas diferentes, así que deixade xa de declararvos devotos e devotas do patchwork nestes tempos de confinamento, porque é un estranxeirismo completamente innecesario!

Imos rematando cun sinónimo de retallo: o retrinco, derivado do verbo retrincar, e que nos evoca inmediatamente unha das obras do gran Castelao. Os Retrincos do autor rianxeiro xuntan cinco relatos autobiográficos ordenados cronoloxicamente, pero quizais Castelao nomeou así este libro pensando na segunda acepción da palabra, aquela que se refire a un “espazo moi breve de tempo” ou “momento”. Inda que tamén podemos dicir que Retrincos é unha obra feita a retallos, xa que no seu día, parte das narracións que a conforman foran publicadas por separado.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir