Todo o que ten que ver coas defecacións adoita producir risos, pero é unha cuestión ben seria e, para certificalo, abonda con mirar o seguintes datos:
Un tema económico
Causas aparentemente máis serias monopolizan as axendas mundiais, pero o feito de que haxa seres humanos que morren como consecuencia de facer as súas necesidades en condicións non apropiadas ou sofren por se ocultar para facelas cun mínimo de intimidade non é unha cuestión superficial. Ademais, está o asunto do aforro: calcúlase que os países poden perder ata un 1,5 % do seu PIB polos custos dun saneamento deficiente. Por cada euro usado en instalar un sistema sanitario de tratamento de residuos, poden aforrarse cinco veces máis. Un millón de euros investido aforraría cinco millóns.
Un tema de historia
Os sistemas para xestionar os excrementos foron variando ao longo da historia. Os primeiros homínidos facíano en calquera sitio e o seguinte paso foi enterralos. Cando pasamos a ser sedentarios e a xuntarnos moita xente, a planificación deu lugar ás latrinas. No rural, nas casas tradicionais, o que caía polo burato ía directamente ás cortes; no urbano, os recipientes baleirábanse pola fiestra co berro de “auga vai!”, o que deixaba as rúas feitas unha esterqueira, entre o ludro dos animais e dos homes. Nas grandes cidades, a contaminación foi tanta que no Londres de 1858, tras tres epidemias de cólera –a de 1854 fíxose famosa por ser a que deu lugar ao nacemento da epidemioloxía– e cun Támesis tan inmundo que se lle chamaba the great stink –’o gran fedor’–, o enxeñeiro Bazalgette propuxo, deseñou e construíu o sistema de sumidoiros que aínda se usa na actualidade.
Un tema de palabras
A denominación retrete ten a súa historia viaxeira, pois non nola trouxeron os romanos senón que se sabe que procede dunha lingua galorromance (aínda que non se coñece concretamente se foi o francés, o occitano ou o catalán). A orixe sería algo así como retrait(e), dado que para excretar se espera que nos retiremos ou retraiamos (nesta mesma relación estaría o verbo “retractar”).
Este lugar onde se defeca ten multitude de nomes diferentes. Só na nosa lingua, contamos con “váter” como sinónimo perfecto, “latrina” e “servizo”, para o cuarto de baño que habitualmente atopamos nas nosas casas, e para as pezas particulares “inodoro” e “urinario”, xunto con “penico”, “ouriñal” e “bañado”, para os portátiles.
Moitas destas palabras teñen unha etimoloxía coñecida e transparente: servizo, pola evidente utilidade que fornecen os cuartos de baño, de onde procede precisamente bañado; urinario e ouriñal, por facerse cargo da urina ou ouriños; inodoro, posto que permiten xestionar os depósitos “sen que cheiren”; váter, do inglés water ou water-closet, ‘(cubículo con) auga’, debido ao líquido que usamos para desfacernos das evacuacións. A palabra latrina procede do homónimo latino e este, á súa vez, de lavatrina, ‘lugar para lavarse’, mentres que penico ten unha orixe descoñecida.