Ritmo circadiano

Montaxe sobre o "O fillo do home", cadro que o valón René Magritte pintou en 1964

A Academia das Ciencias de Suecia concedía o Premio Nobel de medicina 2017 a Jeffrey C. Hall, Michael Rosbash y Michael W. Young, tres científicos norteamericanos que investigaban os mecanismos moleculares que controlan o ritmo circadiano. Estes estudosos acharon como as plantas, os animais e o propio ser humano son quen de se sincronizar coas voltas da Terra, facendo que o reloxo biolóxico se manteña coordinado, xa que hai unha serie de feitos biolóxicos que se producen sempre á mesma hora do día e que obedecen a unha especie de “reloxo interno” dos seres vivos.

Nobel en medicina 2017

Desde 1901, os Nobel enxalzan achegas claves para a historia da Humanidade.
Jeffrey C. Hall, Michael Rosbash e Michael W. Young resultaron elixidos como os gañadores do Nobel de medicina 2017. Estes tres científicos estadounidenses foron pioneiros en vincular a xenética cos ritmos biolóxicos, e tamén os primeiros que clonaron o xen do ritmo circadiano da mosca Drosophila. A contía do premio que veñen de recibir supera o millón de dólares.

Os tres premiados comezaron por investigar a mosca da froita da que illaron un xene (period) que controlaba o ritmo biolóxico diario. Este xene codifica unha proteína (PER) que se acumula de noite e que se degrada durante o día; máis tarde deduciron que ocorría o mesmo en organismos multicelulares e tamén descubriron un segundo xene (timeless) e outra proteína (TIM), que completan o proceso.

Xa no século XVIII, Jean Jaques d’Ortous de Mairan comezara a intuír que as plantas tiñan un ritmo propio, xa que as follas das mimosas abrían e pechaban á mesma hora, inda estando estas ás escuras. Esta frecuencia foi denominada posteriormente ritmo circadiano, que é un neoloxismo produto da combinación dos termos latinos circa ‘ao redor’ e dies ‘día’. Como tal, comezou a empregarse na década dos sesenta do século XX, tamén aplicado aos animais e ás persoas.

O sentido científico do reloxo biolóxico

A adaptación ás revolucións da Terra trae consigo outro concepto: o reloxo biolóxico ou “reloxo interno”, que está sincronizado de tal xeito que non rompa o ritmo circadiano, regulando a conduta, os niveis hormonais, o metabolismo e mesmo a temperatura corporal. Lingüisticamente, estamos ante unha locución común ás distintas linguas da nosa contorna: biological clock, en inglés; horloge biologique, en francés ou orologio biologico para o italiano.

E que pasa cando desaxustamos as horas?

Cando rompemos o ritmo circadiano, o reloxo biolóxico altérase producindo consecuencias para o organismo. Unha das máis coñecidas é o trastorno horario, que o Servizo de Terminoloxía TERMIGAL define como o “conxunto de alteracións psíquicas e físicas que padece unha persoa despois dunha viaxe aérea longa por mor das diferenzas horarias entre o lugar de orixe e o de chegada”. Na fala cotiá, está bastante estendido o uso do termo inglés jet lag, que podemos evitar por ser un anglicismo gratuíto.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir