Xuntanzas estivais ou non
Este verán será o dos reencontros! Habemos de xuntarnos de novo. Non será coma os veráns de antes da pandemia, aínda habemos de ser prudentes porque o bicho segue solto. Mais estamos de volta, retornamos á algarabía. Florencio Delgado Gurriarán cantoulle a Valdeorras e ás súas festas… E nosoutras e nosoutros este verán imos tentar emulalo e darlle unha volta ás palabras que se empregan para indicar que nos xuntamos máis de dous para organizar unha quedada. Comezaremos coas máis buliciosas e rebuldeiras, propias do estío, e xa cara á fin do verán xuntarémonos para cousas un chisco máis serias.
festa | fiadeiro | garula | romaría | maios | ruada | mitin | convención
Unha romaría é unha “festa popular en que a xente acode a un santuario por motivos relixiosos e, ao mesmo tempo, divírtese”. Ben, se nos guiamos pola historia da palabra, estas sonche moi antigas porque o nome xorde das peregrinacións a Roma. Son da mesma familia o sinónimo romaxe e o termo romeiro, -a que designa a “persoa que acode á romaría por motivos relixiosos” e, nun sentido máis restritivo, significa tamén “peregrino”, pero é infrecuente o uso con este sentido na lingua actual.
Fagamos torres de babel en soutos,
Carballeiras profundas, romarías,
Sombras ledas de erguermos aturuxos,
gaitas, fervenzas, voz de furnas íntimas
onde medran as raíces do misterio,
ventos a vir con furia desde as costas,
da nosa xente ao lonxe, de saudades, de iras.
Bernardino Graña, Himno Verde, 1992
As romarías desenvolvíanse ao redor dun santuario ou ermida que adoitaban estar situados nun lugar de importancia xeográfica xa desde a cultura precristiá. A data de celebración de moitas destas festas católicas fíxose coincidir co calendario das pagás: o cambio de estación ou o inicio de ciclo agrícola. O escenario do seu desenvolvemento acostuma ser unha paisaxe natural singular: un clareiro no bosque, unha carballeira, ao pé de pedras xigantescas, na ribeira dun río ou de par de fontes consideradas milagreiras. Estes lugares acabaron por se converter nos campos da festa. Xa que, máis alá das crenzas relixiosas, todas as romarías congregan moita xente e isto é motivo de celebración; e para festexar cómpre ter música, como mínimo unha banda de gaitas para amenizar o lugar e, se nos dá para algo máis, pois… a Panorama ou a París de Noia.
Por veces, estas romaxes acababan converténdose nunha feira porque alí acudían cos seus postos os cereiros para vender cirios, candeas e exvotos que ofrecer á santa ou santo en veneración. As rosquilleiras que vendían os melindres (doce pequeno feito con mel) para tomar alí ou para levar de regalo aos da casa. Os postos onde se vendía artesanía ou produtos naturais propios da contorna. Tamén podían aparecer os moinantes, os vendedores non profesionais e de pouco creto por dedicarse tamén á esmola. Estes eventos foron deixando a súa pegada na fraseoloxía: Enterro sen choros e romaría sen gaita non ten gracia, Pasou o día e acabou a romaría; Tan largo foi o día como a romaría.
Na actualidade as romaxes de carácter relixioso mantéñense, aínda que as motivacións para acudir son máis lúdicas ca espirituais. Pero xurdiron outras de carácter laico ás que os galegos e as galegas peregrinamos con devoción tamén como son a Romaría Viquinga de Catoira na que se recorda o desembarco dos viquingos en terras do Ulla e a defensa do lugar polos veciños e veciñas; a Festa da Istoria que celebra en Ribadavia o seu esplendor medieval, cando era a capital do reino de Galicia. Outra romaría pagá que está gañando fama é o Arde Lucus que cadra no mes de xuño, máis ou menos, co solsticio de verán na cidade de Lugo, e conmemora a fundación da cidade por orde do emperador romano Augusto coa ofrenda ao deus celta Lugh (a luz), combate de gladiadores, venda de escravos, constitución do Senado, irmandade de lexións… Outras festas moi populares son as gastronómicas, que adquiriron tanta sona que as persoas van coma romeiros dunhas noutras. Indicativo da nosa afección ao bo comer: a Romaría da tortilla de Laro, a Festa do polbo do Carballiño ou a Romaría do Pan de millo de Cabral.