Rosalía de Castro, lexicógrafa

Desde o Portal sumámonos á celebración do Día de Rosalía, 23 de febreiro, data na que se conmemora o seu nacemento alá en 1837. Canda ela nace a xestora da Galicia moderna. Definir Rosalía de Castro só como escritora é facer unha lectura reducionista e mesmo errada, é unha muller adiantada ao seu tempo que amosa calidades literarias, sociais, políticas e tamén lingüísticas. Non en balde mostráse como lexicóloga da súa propia obra: albariñas, cotomelos, esvaecido, mando, mandolinata, parruma, traspoleirado, xurafaz é unha relación manuscrita de termos que a autora define, e mesmo achega posibles sinónimos.

A listaxe foi publicada polo académico Henrique Monteagudo en Rosalía de Castro. Autógrafos Poéticos. A nosa sorpresa resultou máxima cando nos decatamos de que coincidía perfectamente coas palabras que Marcial Valladares lle pedía a Murguía a través dunha carta. Era a peza que faltaba nunha vella historia no Portal. Agora pechamos aquel percorrido coa presentación do manuscrito orixinal de Rosalía, que garda o Arquivo Municipal da Coruña, no que esboza as equivalencias destas voces. A maioría destas palabras sairán posteriormente no Diccionario gallego-castellano do lexicógrafo da Estrada, onde aparece a súa primeira documentación.

Non podemos ocultar a satisfacción que nos produce descubrir que tan polifacética intelectual se dedicase tamén a tarefas léxicas. Grazas, Rosalía, por nos entornar a porta unha vez máis!

Vocabulario de Follas Novas
Para o JPG (16,7 Mb), premer na imaxe

O 1 de marzo de 1926, o concello da Coruña inauguraba unha pequena exposición de obxectos co propósito de honrar a tres ilustres galegas: Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán e Rosalía de Castro. Esta é a orixe do valiosísimo fondo manuscrito que, doado pola familia de Rosalía, se conserva no Arquivo Municipal da Coruña.

Entre estes manuscritos atópase o vocabulario con oito palabras e a súa aclaración ou equivalencia en castelán, todas pertencentes ao libro Follas Novas.

Publícase esta imaxe grazas ao Arquivo Municipal da Coruña, onde se custodia o fondo.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir