ruada

Imaxe da web do Concello de Santiago de Compostela

Xuntanzas estivais ou non

Este verán será o dos reencontros! Habemos de xuntarnos de novo. Non será coma os veráns de antes da pandemia, aínda habemos de ser prudentes porque o bicho segue solto. Mais estamos de volta, retornamos á algarabía. Florencio Delgado Gurriarán cantoulle a Valdeorras e ás súas festas… E nosoutras e nosoutros este verán imos tentar emulalo e darlle unha volta ás palabras que se empregan para indicar que nos xuntamos máis de dous para organizar unha quedada. Comezaremos coas máis buliciosas e rebuldeiras, propias do estío, e xa cara á fin do verán xuntarémonos para cousas un chisco máis serias.

festa | fiadeiro | garula | romaría | maios | ruada | mitin | convención

Tanto Ruada, como o verbo ruar, derivan do substantivo rúa que procede dunha forma do latín tardío ruga cuxo significado é ‘camiño’. Na palabra ruada atopamos o significado “percorrido que fan os mozos polas rúas bailando e botando serenatas para se divertir”. Porén, ao carón dos desfiles musicais e trangalleiros, na súa primeira acepción a palabra xúntanos de novo cando di “reunión de xente, polo xeral pola noite, para divertirse con cántigas, bailes etc.”. Así, logo do desfile, as persoas concentrábanse para continuar a festa nun lugariño concreto, e presta que sexa de noite. Parece que a troula pide escuridade.

        Cantar da noite
A meia noite anda de ruada
Dende a fenestra escoitan as estrelas
O silenzo vai só cas mans no peto
Despreguizouse o farol que dormía
e estirou o pescozo pra mellor escoitar

 

Nin hai ninguén? As mozas da ribeira
bandexaron cos peixes esa voz
que aboia agora ingrávida no ar
A trinta singladuras mar adentro
eu xa ouvín outra noite esa voz a cantar

 

Hoxe non cantas tí que canta a noite
E romperá a chorar na alba xiada
a probe noite que n’hai quen a escoite.
Manuel Antonio, Viladomar, escrito en 1928

En realidade as reunións nocturnas non che eran máis que a consecuencia de que polo día había que traballar e, ao cerrado da noite, era cando se podía troulear con tranquilidade. Nestas xuntanzas informais, reúnense varias persoas para pasar o tempo bailando e escoitando música. Podíase quedar para un serán que é unha quedada nocturna de carácter festivo, mais tamén era a ocasión na que as mulleres se xuntaban para fiar. Ao feito de que tiñan lugar á noitiña e duraban parte da noite fai referencia o seu étimo latino seranum,  que indicaba que era un acontecemento que se desenvolvía á tardiña, e por iso este termo foi o utilizado para designar as celebracións que se realizaban unha vez que o sol comezaba a agocharse, aínda que despois se prolongasen durante a noite. Parece que grazas ás reviravoltas que dan as linguas o sarao do castelán podería estar relacionado etimoloxicamente co galego. Mais tamén se documenta en catalán o termo sarau ‘baile nocturno’, e en francés soirée,  que gardan relación semántica co noso serán. Vai ser que non somos os únicos aos que nos gusta festexar.

Non che hai festa sen música, inda que só sexa unha gaita de fol e unhas pandeiretas. Daquela imos falar un chisco do termo foliada que é a “reunión nocturna de xente para se divertir, cantar e bailar”. Acollémonos de novo á nocturnidade, pero necesitamos tamén melodías que nos acompañen e que nos permitan tolear un chisco. Estes festexos, ao primeiro, eran propios do remate de certos traballos agrícolas, como podían ser os relacionados co liño. A orixe de foliada e folía lévanos ao occitano antigo folia que significaba ‘loucura’ que, á súa vez, remitía ao latín follis ‘bolsa’ ou ‘saco’, ‘oco’, ‘cabeza’ ou ‘tolo’. Sábese da presenza do termo occitano nas linguas peninsulares xa desde o século XIV por mor do uso da voz nas composicións dos trobadores. Posteriormente acabou sendo a denominación, primeiro, dunha canción e logo do baile que se executaba con ela. En Portugal, había unha danza, a folia, na que os instrumentos se tocaban moi a présa e con moito estrépito como se toleasen. En catalán, a follia é unha copla tranquila, mais onde se narraba a tolemia do namorado. O caso é que a nosa foliada deu nunha festa moi animada. A axitación da festa úsase como referente no refrán Chuvias de mar e vento de ría, hai foliada para todo o día, que indica que as precipitacións en mar aberto e a aireada na ría, só poden dar un día de temporal (perturbación violenta da atmosfera).

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir