salseiro

Unha marea de poesía

No verán percorremos Galicia dende Ribadeo ata A Guarda, sempre á beira do mar. No Portal das Palabras adoramos o interior, os seus ríos, montañas e devesas, pero tamén precisamos o cheiro a marusía máis ca nunca e decidimos emprender unha viaxe ao longo dos 1.498 quilómetros da costa que baña esta terra. E facémolo na mellor compaña posible: a vosa e a da poesía. A marea de versos vén cargada de palabras relacionadas co mar que inspiran os poetas dende os tempos dos trobadores medievais e o Rexurdimento ata a actualidade. Comezamos!

augamar | gaivota | furna | buguina | salseiro | robaliza | pailebote | cantil

Dende o Tragove ao côn de Noro
e dende Sálvora ao Neixón,
Vexo un salseiro en cruz, dourado,
Feito de brétema e solpor
Que si aloumiña a toda a Arousa
Tamén envolve a todos nós
E hastra aos mascatos e ás gueivotas
Fainos deterse no seu vóo.
O mensaxe de Ramón Cabanillas”, Fermín Bouza-Brey, 1972, Grial (1976)

 

Imos ao mar da Arousa da man de Fermín Bouza Brey, ponteareán de nacemento pero criado en Vilagarcía, que nos versos deste poema rende unha sentida homenaxe a Ramón Cabanillas, o ilustre poeta cambadés. O autor sitúanos nun escenario fermoso, no que podemos ver a illa de Sálvora ou o con granítico de Noro, que forman parte do marabilloso espazo natural que é o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Fermín Bouza-Brey é recoñecido, entre un cento de cousas máis, coma un poeta innovador. Iniciador do movemento poético coñecido como o neotrobadorismo coa súa obra Nao senlleira, na que aposta por unha poesía renovada, pero que ao mesmo tempo reivindica un modelo galego xenuíno que toma como referencia os cancioneiros galegos medievais. Ademais de ser un dos promotores da fundación do Seminario de Estudos Galegos no ano 1923 e un gran coñecedor do legado de Rosalía, foi tamén un home polifacético que cultivou outros ámbitos do saber como a antropoloxía, a arqueoloxía e a etnografía. O Neixón, a punta do Neixón, que cita no poema, foi obxecto de estudo, polo seu interese etnográfico e arqueolóxico, nun dos traballos que dedicou á prehistoria galega publicado en 1926 no Boletín da Real Academia Galega e que asina conxuntamente con Florentino López Cuevillas.

Sabemos polo tanto que era bo coñecedor das terras que enxalza nestes versos cheos de referencias ao mar. Un mar no que un salseiro dourado polo solpor aloumiña toda a Arousa. As xentes do mar saben ben o que son os salseiros porque de seguro que sufriron os seus envites navegando ou mariscando cando o mar bate con forza. A palabra salseiro é pura imaxe en letras, “auga en pinga miúdas ou escuma que fan as ondas do mar ao bateren coas rochas ou nas embarcacións” e tamén “as que levanta o mar formando néboa”. A voz deriva de salsa na segunda acepción do dicionario da RAG, “auga do mar”, que está emparentada co termo latino sal, salis que significa ‘sal’. Na fraseoloxía mariñeira recóllese facer salseiros o mar para indicar que hai moita escuma nun lugar ou nuns cons onde bate forte o mar.

Resulta curioso que un dos primeiros poetas en deixar por escrito esta denominación sexa Leiras Pulpeiro, escritor mindoniense e de terra a dentro; mais é Ramón Cabanillas quen nos amosa, coma ninguén, os salseiros nas súas obras onde describe o mar da Arousa, a vida mariñeira e embarcacións coma a dorna. E así, esta voz propia das xentes do mar que traspasou as fronteiras ao eido literario, acaba sendo coñecida por todas e todos. Bouza-Brey retómaa neste poema homenaxe a Cabanillas, pero podemos atopala en textos literarios máis recentes, tanto poéticos coma narrativos. Por exemplo na obra doutro poeta da costa como é Alexandre Nerium nun poema contido en Vogar de couse:

Corre o mar. Os salseiros salfiren cabrestantes,
bulárcamas confusas, fementidos codastes
e a abordaxe involuta (pentagrama)… das cómplices
tarrafas desnortadas, de poutelas, na canle,
coma un lobo, arremete… solféxalles a morte.
“Como arte de deriva”, Alexandre Nerium, 2003
Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir