Sardo

“La magnifique et somptueuse pompe funebre faite aus obseques et funerailles du tres grande et tres victorieus empereur Charles cinquieme”. As bandeiras do Reino de Sardeña nos funerais de Carlos I de España, nun traballo do de gravador e editor Christoffel Plantijn. Antuerpen, 1559.

Este  verán, propoñemos unha viaxe por Europa a través das linguas chamadas minoritarias ou minorizadas. Algunhas son oficiais na UE e outras, como a nosa, non contan con este recoñecemento. Cada semana falaremos dun idioma, do que coñeceremos datos históricos, evolución de falantes, características internas e outras cuestións interesantes. As linguas que escollemos son:

Esloveno  |  Estoniano  |  Flamengo  |  Frisón  |  Gaélico irlandés  |  Galés  |  Letón |  Macedonio  |  Maltés  |  Sardo

 

Bandeira de Sardeña
Bandeira de Sardeña

A illa de Sardeña (Sardigna en sardo) é unha das máis grandes do Mediterráneo. Conta cunha identidade histórica milenaria, recoñecida e sentida polos seus habitantes. Ten unha superficie de 24.000 Km2 –máis ou menos coma nós sen a provincia de Pontevedra– e algo máis de millón e medio de habitantes. Ao longo da historia, estivo dominada polos romanos, os bizantinos, os xenoveses, o Vaticano, a coroa de Aragón, Austria e, desde hai 150 anos, polo estado italiano, do que, na actualidade, é rexión autónoma. A capital é Casteddu de Callaris, ou simplemente Casteddu, máis coñecida entre nós polo nome en italiano, Cagliari.

Sardo (sardu) é o xentilicio e mais o adxectivo que se usa para referirse a todo o relacionado coa illa. Tamén é o nome da lingua propia de Sardeña, idioma que pertence á familia de linguas indoeuropeas e románicas, dentro das que se considera a máis conservadora respecto do latín –especialmente nos niveis fónico e léxico–, feito no que claramente influíu a súa condición de illa, menos permeable ás influencias e transformacións. Na época medieval, a maioría dos escritos oficiais redactábanse en sardo, polo que conta cunha boa representación das etapas iniciais do romance. Na actualidade, o 80% dos sardos din entender o seu idioma e as estatísticas valoran en algo menos dun millón o número de falantes, divididos en dous grandes bloques lingüísticos que producen catro dialectos. A maiores, en tres pequenas zonas de Sardeña fálanse outras linguas: un dialecto do lígur, en San Pé e San Antìogu –pequenas illas do sur–; o corso, na Madalena –tamén unha illa– e outras zonas do norte (o estreito de Bonifacio, que separa Córsega de Sardeña ten 11 km); e o catalán, na cidade de L’Alguer.

Situación Sardeña no Mediterráneo
Situación Sardeña no Mediterráneo

As políticas de monolingüísmo por parte do estado italiano durante todo o século XX e na actualidade están a provocar  que Sardeña teña a taxa de abandono escolar máis alta de Italia, e se ben o sardo conquistou a condición de lingua oficial en 1997 –o que impulsou a elaboración dun estándar normativo, supradialectal, que se coñece como a Lingua Sarda Unificada, aprobada en 2001–, moitas persoas seguen considerándoo ‘a lingua dos pobres’, un idioma inferior. Ao anterior, hai que engadir o éxodo rural cara ás cidades, máis italianizadas, que falar italiano é imprescindible para conseguir traballo e que Italia asinou pero non ratifica a Carta Europea das linguas rexionais e minoritarias; non é de estrañar que a UNESCO considere o sardo unha das linguas “definitivamente en perigo de extinción”.

Entre o noso léxico máis común, está o nome dun peixe, a sardiña (Sardina pilchardus), que moitos atribúen ao feito de que esta especie fose especialmente abondosa nas augas que rodean Sardeña, aínda que esta etimoloxía non está comprobada e caberían outras explicacións.

 

Escollemos Su patriottu Sardu a sos feudatarios (O patriota sardo aos seus feudatarios), un himno que Francesco Ignazio Mannu escribe en 1794.

Este poema, ao que chaman a Marsellesa sarda, é un canto á revolta contra os propietarios estranxeiros. Foi publicado en Córsega e distribuído clandestinamente en Sardeña. Son 376 versos compostos de oito en oito e numerosas veces adaptados e cantados. Nós escollemos a do grupo musical Tazenda que se pode escoitar aquí:

 

A adaptación ao galego é máis ou menos libre procurando manter as rimas orixinais, polo que non sempre se respecta a tradución literal:

Procurade de moderare
Barones, sa tirannia
Chi si no, pro vida mia
Torrades a pe’ in terra!
Declarada est già sa gherra
Contra de sa prepotenzia,
E cominza sa passienzia
In su pobulu a mancare.

Mirade ch’est azzendende
Contra de ‘ois su fogu;
Mirade chi no è giogu
Chi sa cosa andat ‘e veras.
Mirade chi sas aeras
Minettana temporale;
Zente consizzada male,
Iscultade sa ‘oghe mia.

Procurad’e moderare, [barones, sa tirannia,
Procurad’e moderare, [barones, sa tirannia.

Su pobulu chi in profundu
Letargu fi’ sepultadu,
Finalmente despertadu
S’abbizza’ ch’est in cadena,
Ch’ista’ suffrende sa pena
De s’indolenzia antiga:
Feudu, legge inimiga
A bona filosofia.

Deghe o doighi familias
S’han partidu sa Sardigna,
De una manera indigna,
Si nde sun fattas pobiddas.
Divididu s’han sas biddas
In sa zega antighidade,
Però sa presente edade
Lu pensat rimediare.

Procurad’e moderare, [barones, sa tirannia,
Procurad’e moderare, [barones, sa tirannia,

Issos dae custa terra
Ch’hana ‘ogadu miliones.
Malaitu cuddu logu,
Chi creia’ tale zenia!

Esforzádevos en moderar
Baróns, a tiranía,
Que se non, por vida miña
Na terra habedes ficar!
Xa foi declarada a guerra
Contra toda a prepotencia,
Que entre o pobo a paciencia
Hoxe comeza a faltar.

Ollade que se acende
Contra vós a fogueira,
Ollade que non é brincadeira,
E que a cousa vai en serio.
Ollade para ese ceo
Que ameaza temporal;
Xente ben avisada ou mal,
Escoitade esta voz miña.

Esforzádevos en moderar, [baróns, a tiranía,
Esforzádevos en moderar, [baróns, a tiranía,

O pobo que nun profundo
letargo foi sepultado,
finalmente espertado,
tira da cadea que o prende.
Cumprindo a pena dóese
da súa indolencia antiga:
o feudo, lei inimiga
da boa filosofia.

Dez ou doce familias
Repartiron a Sardeña
E fixéronse con ela
Por medios que indignan
Nunha época xa antiga
Partillaron as nosa vilas
Mais na presente idade
Ímolo poder remediar

Esforzádevos en moderar, [baróns, a tiranía,
Esforzádevos en moderar, [baróns, a tiranía,

De aquí desta terra
levaron eles millóns,
maldita sexa a casta
que tan ruín semente cría.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir