señardade

Os dicionarios recollen os sentidos permanentes e estables das palabras sen atender ao valor subxectivo que poden ter para alguén ou que adquiren en determinados contextos, pero na fala viva, a carga significativa dun termo pode variar dependendo destes factores. Por iso nos pareceu interesante recoller unha definición eminentemente persoal do termo señardade que lle ofreceu Mero, antes da súa actuación, ao público que asistía a unha homenaxe en Ferrol a Agustín Fernández Paz.

Nas obras de consulta máis recentes, entre elas o Dicionario, señardade aparece como sinónimo de soidade e saudade, aínda que si é certo que nalgunha anterior, como a de Aníbal Otero, se fai unha puntualización no sentido que apunta Mero e se define como ‘pena de soidade’.

A orixe desta voz está no latín singularitas -atis, o mesmo étimo desde o que chegou o cultismo singularidade, que fai referencia á existencia dun único ser, o que, por forza, implica ausencia de compañía.

Parece ser un termo moi presente en autores que comparten a orixe na Terra Chá ou zonas próximas como é o caso de Mero e figura incluso no título do primeiro libro de poemas de Iglesia Alvariño, pero utilízano tamén os doutras procedencias, como Avilés de Taramancos ou Castelao, e, por suposto, Piñeiro ao falar da saudade, quen nos aclara, no sentido apuntado ao principio, que a vivencia pasiva da propia soidade repercute en nós psicoloxicamente creando estados de tristura vaga como a morriña ou a señardade.

Se os dicionarios nos fornecen o significado básico, “espido”, do termo, a de Mero pode servir de exemplo dunha explicación poética verbo do seu sentido, pois o que fai o cantautor é unha reapropiación, ben fermosa por certo, da palabra. Encantaríanos coñecer outros casos en que suceda isto, que alguén faga unha definición propia para unha palabra común, e por iso vos invitamos a que, se tedes algún documento neste sentido, o compartades con nós a través da nosa conta de contacto.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!

Cubre a enquisa aquí