Cando algo vai mal nun país, non é infrecuente botar as culpas fóra. No caso da sífilis,“enfermidade contaxiosa crónica que se transmite por contacto sexual, que evoluciona durante anos e pode causar lesións en diferentes tecidos do corpo”, foi o que pasou durante séculos, ata o punto de que no DRAG tamén se recolle a denominación de morbo gálico, ou gálico a secas, onde gálico se refire aos da Galia, aos galos, aos franceses en resume. Pero vexamos isto ben, que en todas partes hai cans descalzos.
Crese que a primeira epidemia recoñecible de sífilis se produciu en 1495 entre as tropas francesas que asediaban Nápoles, supostamente transmitidas por mercenarios españois. E de aí a toda Europa: cinco millóns de mortos, especialmente no Renacemento. En 1530 o médico e poeta Girolamo Fracastoro escribiu unha pastoral onde o protagonista recibe a enfermidade como un castigo de Apolo. O seu nome era Syphilus, e o poema Syphilis sive morbus gallicus, ‘Sífilis ou a enfermidade francesa’. Nun tratado médico posterior seu, de 1546, De Contagione et Contagiosis Morbis, asentou a súa denominación. De aquí parten tanto o termo sífilis (o cal explica por que en galego non remata en ‑e como outras palabras gregas: porque é unha recreación latina) como a primeira asignación a estranxeiros, tamén recollida no DRAG.
A cuestión é que se lles asignaba a enfermidade aos franceses tanto no latín orixinal como en galego, en castelán, en italiano (male francese), en inglés (French disease, French pox), en neerlandés (Franse pokken), en alemán (Franzosenkrankheit) e en polaco (francuska choroba), mentres que en Francia facían o propio cos italianos (gale de Naples, mal napolitain, mal italien) e ingleses (mal anglais), en polaco cos alemáns (choroba niemiecka) e españois (choroba hiszpańska), en neerlandés cos españois (Spaanse ziekte), en italiano tamén cos celtas (morbo celtico) e en turco cos franceses (frengi) e cristiáns en xeral. Pola súa parte, en portugués repartían a case todos os anteriores (gálico, mal-céltico, mal-de-nápoles, mal-dos-cristãos mal espanhol, mal-francês, mal-gálico, mal-germânico, mal-napolitano, mal-polaco, mal polonês, mal-turco) e a algún máis por se non abondaba (mal-americano, mal-canadense, mal-da-baía-de-são-paulo, mal-escocês e mal-ilírico, de Iliria, nos Balcáns adriáticos) ademais de a varios santos e santas. Cunha distintiva integridade, os franceses teñen a característica de recoñecerse tamén a si mesmos (mal français).






















