Nas culturas agrarias considerábase que, se a alguén lle chegaba a súa hora, esta podía ser vaticinada atendendo a diferentes sinais: unha candea que se apagaba nun enterro, unha sombra, o canto do galo ao serán, o grallar dos corvos ou o sobrevoo de determinadas aves sobre a casa da posible vítima. Por este motivo, algúns paxaros foron considerados de mal agoiro, coma a curuxa, o moucho, o corvo e a pega, e cruzarse con eles producía pavor. Na actualidade, os e as urbanitas desbotaron esas crenzas por infundadas, pero aceptaron algúns costumes que rememoran aquelas ideas. Así, ao redor do Samaín, −unha celebración de fondas raíces ancestrais−, xorden festexos cunha imaxinería sinistra e pretensións terroríficas, en que se recrean escenarios con animais vencellados ao medo, ao horror e á morte, tales coma os lobos, as arañas e os mencionados paxaros vaticinadores do irremediable.
Imos falarvos destas designacións aviarias. A primeira é curuxa, especie que responde ao nome científico de Tyto alba. A orixe do nome común, curuxa, é, segundo moitos estudosos, onomatopeica, nun intento de imitar o son característico da ave. Certos trazos contribuíron a crear unha imaxe negativa dela: o rostro branco que lle outorga un aspecto fantasmagórico, o feito de ser unha cazadora nocturna e a peculiaridade de vivir en reclusión diúrna, agochada en edificacións derruídas ou árbores secas, son algúns deles. Ademais, o seu chío semellante a un xemido asociouse co pranto polo falecemento dun ser querido; deste xeito, inferiuse que a súa aparición anunciaba unha defunción próxima. Na tradición oral recóllense ditos máis que elocuentes a este respecto, coma canto de curuxa, morte segura ou curuxa que racha o pano, sinal de enterro no ano.
Un parente da curuxa é o moucho, co nome científico de Athene noctua. A orixe da voz patrimonial non está clara: quizais descansa no latín vulgar *noctuolum derivado da voz clásica noctua ‘ave rapaz nocturna’, ou incluso no latín mutilum ‘mutilado, cortado’. Como ás curuxas, tamén se lles atribúe aos mouchos a fama de ser pregoeiros de infortunios, polo que eran temidos e esconxurados. Unha fermosa constatación déunola Rosalía de Castro nese célebre poema de Cantares Gallegos, cando proclamou: “Eu ben vin estar o moucho / enriba daquel penedo: / non che teño medo, moucho / moucho non che teño medo!”.
Imos parar un instante noutra caste de paxaros, da familia dos córvidos, que non gozan dunha sona mellor ca a dos anteriores. Un deles é o corvo, do que a denominación patrimonial procede do latín corvus e que corresponde ao nome científico Corvus corax. A plumaxe negra −cor vinculada co loito−, o feito de se alimentar de calaza (aínda que non só) e o seu grallar ou corvear desacougante non axudan a formarnos unha imaxe amable del. Conforme a tradición popular, se vemos un, hai que dicir a modo de advertencia: Corvo agoireiro, vaite lixeiro, que nesta porta non hai carne morta. Tampouco sae ben parada a pega, en concreto o espécime que se identifica cientificamente como Pica pica, coñecido igualmente na lingua común como pega rabilonga. Trátase dunha ave que vive en campos abertos con árbores e en zonas con terras de cultivo e que, malia ser en gran medida insectívora, tamén se alimenta de sementes, ovos, ratos… e mesmo de calaza. Ten o costume de recoller cousas brillantes e levalas ao seu niño; de aí a fama de ladroa, xunto á de agoiradora. En Galicia é un paxaro moi común.
Por último, mencionaremos outro dos protagonistas da simboloxía dos animais vencellados ao infortunio (de maneira infundada, coma nos casos anteriores): o morcego, cuxo nome provén da expresión latina mūrem caecum ‘rato cego’, pola crenza que se tiña de que era cego. A singularidade deste mamífero voador pode estar detrás da súa mala reputación: fisicamente parece un rato con ás, ten hábitos nocturnos e, por riba, existen algunhas especies (en América) que chuchan o sangue. Porén, a maior parte das especies son insectívoras e contribúen á eliminación de pragas, malia o cal non hai quen lles saque a mala fama do lombo.






















