Teo

Escudo de Teo. Foto da Pontevea (Teo) José Antonio Gil Martínez (Recortada). Wikicommons

Concellos de Galicia (con tres letras)

Chega o verán e o Portal das Palabras volve saír de viaxe por Galicia. En edicións anteriores xa fixemos os obrigados percorridos polo mar e pola montaña, así que desta volta propoñémosvos unha ruta diferente. Faremos parada en lugares cunha curiosidade en común: todos eles son concellos con nomes de só tres letras. Pode soar a excentricidade.. e madía leva se o é! Pero que mellor época para deixarse levar pola sonoridade dalgúns dos topónimos máis breves de noso Nomenclátor! A viaxe pagará a pena, e non só en termos lingüísticos!

Concellos:

Foz | Mos | Pol | Zas | Oia | Teo | Tui | Cee | A Rúa

Este topónimo atopámolo escrito na documentación da Idade Media como Sancta Maria de Talegio e como Santa María de Teeio. Partindo destas atestacións gráficas, os investigadores propoñen varias hipóteses sobre a súa orixe: Edelmiro Bascuas considera que estamos ante un hidrotopónimo procedente dunha raíz indoeuropea *tala‑, co significado de ‘fluír’ (a mesma que vimos para Tui, mediante < *ta+la‑); Isidoro Millán relaciónao co río Tea, partindo tamén dunha raíz hidronímica *tekw‑, co mesmo significado de ‘fluír’; mentres que Joseph Piel cre que se trata dun nome de posesor de orixe xermánica *Teodone, isto é, o propietario das terras.

A vida cotiá do concello de Teo estivo vencellada á de Santiago de Compostela, comarca á que pertence. Ata 1833 era coñecido como concello de Oza (que na actualidade é dunha parroquia de Teo). Foi escenario de varios enfrontamentos bélicos. Entre eles, o que houbo en 967 entre os viquingos de Gunrød e o bispo Sisnando en Rarís (onde o relixioso morreu). Outro foi a “batalla de Cacheiras” o 23 de abril de 1846 entre o xeneral De La Concha, enviado desde Madrid polo goberno e os seguidores do coronel Miguel Solís. Estes feitos históricos son lembrados nunha ruta de sendeirismo polo puntos do concello nos que aconteceu a loita. Os militares galegos comezaran sublevándose no cuartel de Lugo o 2 de abril. Despois uniríanselles os da Coruña o 5, os de Pontevedra o 9, e os de Tui e Vigo o 10. O 15 de abril en Santiago creárase a Xunta Superior do Reino de Galicia ou Junta Superior Provisional de Gobierno de Galicia liderada, entre outros, por Antolín Faraldo contra os modos de gobernar de Narváez. Mais ao perderen a batalla, refuxiáronse en San Martiño Pinario onde foron apreixados, logo xulgados sumariamente e fusilados o 26 no adro da igrexa de Paleo o coronel Solís e os restantes na Fraga do Rei (ambas as dúas localizacións en Carral), converténdose nos “Mártires de Carral”.

Outros atractivos salientables deste concello coruñés indo desde o máis vello ata o contemporáneo son os que seguen. Para o antigo, temos oito castros, nove estacións de ata dezanove petróglifos e 33 mámoas. Como moderno encontramos a ponte colgante do Xirimbao, coñecida tamén como a pasarela Mariola, saltando o Ulla entre a parroquia de Reis (Teo) e o Couso, xa na Estrada. Foi construída no franquismo para unir dous coutos de pesca de salmón (o do Xirimbao e o de Ximonde) porque o ditador adoitaba pescar alí.

Cómpre non esquecer a particular celebración do Entroido na zona da Ulla, á que se suma tamén Teo coa chegada dos Xenerais da Ulla, onde as figuras dos Xenerais e os Correos percorren as distintas parroquias á cabalo e rematan cunha liorta dialéctica, o atranque. Mais atopamos na parroquia teense de Reis unha particulariedade porque inclúe a figura exclusiva a do Demo.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir