Montes e serras: Pena Trevinca

En primeiro plano: Der Wanderer über dem Nebelmeer, Caspar David Friedrich (1818). Fondo, Galicia en Google Earth

A montaña de Galicia : unha volta para 2024

Se no verán de 2023 percorremos as nosas praias, neste ano imos facer un percorrido pola outra face de Galicia.
Coñecida é a dualidade do noso país, con trazos diferenciais entre a montaña e o mar tan marcados que ás veces un pode cambiar de universo nunha breve camiñada. Inda que non pretendemos comezar unha nova xeira de competición xeográfica que xa estamos bastante servidos, este ano o noso cantar vai de montaña:

Anque che son da montaña,
anque che son montañesa,
Anque che son non me pesa.

Montes e serras:

O Cebreiro | O Pindo | O Xistral | A Capelada | O Courel | O Faro | O Xurés | Os Ancares | Pena Trevinca

O marco máis notable de Galicia, 2127 metros de altura, separa as provincias de Zamora, Ourense e León.

Pena Trevinca

Etimoloxicamente emparéntase con aqueles topónimos encabezados polo prefixo tri- común ao latín e ao grego, que se pode ver en Trípoli, no Peloponeso ou en Libia, lugares onde houbo algunha vez tres cidades. No caso de Trevinca tratábase de tres estremas precisamente, tri finnica; caso similar ao de Treviño, o pequeno condado de Áraba pertencente á provincia de Burgos. A súa localización na división provincial actual explícase porque, en ocasións, non sempre pero moitas veces, as divisións administrativas van superpoñéndose co tempo.

Os puntos que conectan tres fronteiras chámanse en inglés tripoints

A confluencia de tres fronteiras algo debe ter de máxico cando pasa á toponimia e mesmo en algúns puntos do mundo dá lugar a un monumento. Ás veces un notable accidente xeográfico acompaña o feito pero ningún tan notable como aquel das tres fronteiras entre Brasil, Paraguai e Arxentina: a Foz do Iguazú.

Volvendo a Trevinca, o monte é o máis alto da Serra do Eixo, inda que os seus cumios adoitan ser identificados só con este nome. Trevinca acolle formacións derivadas do glaciarismo como a lagoa da serpe e lugares aos que podemos cualificar de arqueoloxía botánica, como o Teixedal de Casaio, unha vella fraga con diversas especies pero na que destacan os 300 exemplares de teixo, árbore de montaña de bagas velenosas que se acostuman a identificar como as que lles causaron a morte aos habitantes do Medulio, que preferiron morrer a seren dominados por Roma.

 

A lagoa da serpe a carón de Trevinca
Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir