Sen que dispoñamos dunha razón para explicar o fenómeno, nos últimos anos convertémonos nunha potencia en tríatlon a nivel mundial. Temos deportistas recollendo éxitos alí onde participan, e iso que cando Iván Raña trouxo para a casa o primeiro campionato do mundo non atinabamos moito a describir en que consistía.
Tal como recolle o Dicionario, estamos diante dun deporte que combina carreira, ciclismo e natación, é dicir, componse de tres partes, como anticipa o prefixo tri-. E esas tres partes son probas deportivas, significado do elemento compositivo atlon, tomado do grego, onde designaba unha loita ou tamén a recompensa obtida por quen a gañaba. Utilizouse o mesmo modelo de composición para denominar outras modalidades, a de cinco probas –péntatlon– ou a de dez –décatlon–.
A idea de combinar estas disciplinas xurdiu en Francia, onde non se chamaba tríatlon. Foron os norteamericanos os que o difundiron con esta denominación. Logo foi ganando popularidade ata converterse en deporte olímpico nos Xogos de Sidney 2000. Hoxe atopamos termos e expresións propios desta competición espallados ata seren formas correntes entre nós, aínda que no Dicionario non se recollen con ese significado e outras son propostas baseadas nos usos que se están realizando. Visto, como diciamos, o potencial, a petición de Silvia Vieito, responsable da Revista do tríatlon galego Tríptica (podes ver os seus perfís en Facebook e Twitter), e coa súa axuda, facemos un repaso dalgúns destes termos e expresións:
Transición
Poderiámola definir como o cambio entre as disciplinas que compoñen as probas, pero é tamén a parte que as une. É unha forma tomada do latín transitio –onis que utilizamos frecuentemente aplicada a un tempo ou fase que implica mudanza. Remite, igual ca outras da mesma familia –como tránsito ou transitar–, ao verbo transire, formado sobre ire, que viña sendo ‘pasar máis aló’ ou ‘pasar a outro estado ou asunto’.
Da súa importancia pode dar idea a cantidade de recomendacións que podemos atopar sobre a súa realización, do seu atractivo os moitos afeccionados que se xuntan nas proximidades, e do peso que pode ter a técnica, o feito de que os triatletas as deban incluír como parte dos adestramentos habituais.
Funda
É sempre aquilo que cobre e protexe, algo que xa estaba presente no seu antecedente, funda –ae que no latín clásico significaba ‘fonda ou tirafonda’ e no tardío pasou a ser ‘bolsa’. Referíndonos á roupa, pensamos inicialmente nun modelo de corpo enteiro e tecido forte que visten as persoas de profesións que, polas súas características, poidan implicar rematar a xornada lixados ou precisan protexer a súa vestimenta persoal, pero tamén se denomina funda, ou mono, calquera peza que sexa de corpo enteiro.
Os deportistas que practican tríatlon levan un traxe enteiro, que reúne as condicións necesarias para usalo nos tres tipos de probas. Tamén se lle chama funda, aínda que neste caso non cobre a totalidade do corpo.
Cabra
No tríatlon, utilizan un tipo de bicicleta deseñada especialmente para as probas contra o reloxo ou o tríatlon de longa distancia, cunha xeometría que adianta a posición dos triatletas situándoos moi enriba do guiador, para ganaren en aerodinámica. Da forma deste xurdiría a idea de chamarlle cabra, pois podería lembrar as formas da cornamenta deste mamífero. Trátase dun uso bastante recente que os dicionarios en xeral non recollen.
Acoplamento
Para que o guiador da bicicleta lle permita a postura aerodinámica que comentamos, leva uns elementos engadidos en ambos os lados, onde se colocarán os cóbados. Isto permitiríanos acoplarnos ao vehículo.
Estamos ante un derivado do verbo acoplar e vendo a súa orixe comprobamos que ten moito que ver co uso que se lle dá neste caso, xa que na súa base estaría o latín copula –ae, que chegou a nós como cultismo e tiña o sentido de ‘unión’. A finalidade do acoplamento será que a unión da persoa e o vehículo resulte idónea.
Ir á roda
No mundo do ciclismo utilízase esta expresión co sentido de ir inmediatamente detrás de alguén aproveitando a vantaxe que supón recibir en menor medida o impacto do vento e, daquela, precisar menos esforzo para rodar coa mesma velocidade, pero isto é algo que se pode facer en colaboración, remudándose a cada pouco. Con todo, esta práctica non está permitida en todas as probas de tríatlon e, para evitalo, nalgunhas márcase unha distancia mínima entre participantes.
Aparece tamén recollida co mesmo sentido a locución popular chupar roda, que incide máis no sentido de que quen vai detrás se beneficia do traballo de quen vai diante e admite, incluso, usos figurados. En ambos os casos, o substantivo que está na base é roda, que nos chegou da forma case idéntica do latín, rota, e hoxe aplicámola a distintas cousas que teñan forma máis ou menos circular. Así, podemos ter unha roda de xente, unha roda de peixe ou un peixe roda ou roda de mar.
Volta perdida
A volta dáa unha roda ou calquera obxecto que xire sobre si mesmo, pero tamén a persoa ou cousa que percorre un camiño para volver á mesma posición, como ocorre nas carreiras nun lugar cerrado. E ese verbo, volver, é o que está na base tanto do significado coma da orixe de volta, que procede do participio do verbo latino volvere.
Nos deportes de circuíto, cando unha persoa leva unha volta de vantaxe sobre outra, dise que a dobrou, o que implica que esta deu unha volta menos, é dicir, o que coñecemos coa denominación de volta perdida.
Cámara de chamamentos
O termo cámara suxírenos espazo pechado, tanto se nos referimos a un cuarto para durmir coma se pensamos na cámara de aire dun pneumático, por exemplo. Xa nas súas orixes, tanto o latín camara –ae coma o grego kamara –as denominaban un recinto abovedado.
Isto mantense na expresión formada a partir de cámara, cámara de chamamentos, onde as persoas encargadas de vixiar a competición, os xuíces e as xuízas, verifican, antes de tomaren a saída os participantes, cuestións como a identificación ou que a indumentaria sexa a indicada. Unicamente co visto e prace recibido, unha vez que se realicen as comprobacións pertinentes, poderán tomar parte na competición.