Tui

Tui. Fotografía: Moncho Sabin. 1993 (Biblioteca da Fundación Barrié)

Tui olla a Portugal desde a beira galega do Miño na zona oriental da comarca do Baixo Miño. A arqueoloxía confirma a identificación desta vila pontevedresa coa mansio Tūde ‘lugar de parada nos camiños’  na Via XIX do Itinerario de Antonino. Este é o nome co que figura no famoso documento que recolle as rutas do Imperio Romano, transcrito na obra de Ptolomeo como Τουδαι (quizais adaptación grega do plural de Tūda) e en Tyde nos textos de Plinio. A proposta do estudoso Edelmiro Bascuas fai que vaiamos máis atrás no tempo, xa que o topónimo leva un radical TŪD- pertencente a raíz indoeuropea TĀ- ‘derreterse, fluír’, daquela estamos ante un hidrónimo, quizais unha antiga denominación para o río Miño cando discorre por esta zona.

Hai, por outra banda, a crenza dunha hipotética fundación grega que vén de moi lonxe, argumento que se volve atopar tamén nas fantasías etimolóxicas e históricas creadas ou asumidas nos comezos da historiografía galega e, nese universo paralelo, fomos fundados polos gregos onde o topónimo Tui foi posto por Diomedes en honra do seu pai, o heroe Tydeo. Casos parecidos son o de Pontevedra, que debería a súa fundación a Teucro, o da Iria Flavia creada pola princesa Ilia de Troia ou o da torre da Coruña erguida por Hércules.

Como vemos, a vila episcopal tiña xa importancia salientable na antigüidade. Tiña base militar e moeda propia, era centro de comunicacións grazas á Via XIX. Capital sueva e corte no tempo do príncipe godo Witiza (en Pazos de Reis, de aí o seu nome), ao que seguiu un período inestable de ataques árabes e normandos que acabaron co establecemento dunha muralla en 1170. O esplendor de Tui quedou rubricado cun bispado e unha provincia propios en 915 e 1550 respectivamente. A cidade vixiaba as posesións ante o que deviría no Reino de Portugal, dándolle ese carácter fronteirizo que Miño arriba se traduciría no significativo nome de Salvaterra, que substituíu o máis antigo de Lazoiro. Pero florecemento comercial e militar, apoiado polo porto fluvial, a xudaría, o Camiño de Santiago e a ampliación da muralla quedou estancado coa perda da capitalidade en 1833. Posteriormente a emigración e a dura represión trala guerra civil: a última resistencia republicana galega tivo lugar no lugar da Volta da Moura, na próxima Salceda de Caselas.

Os tempos modernos trouxeron unha mellora das comunicacións e a creación da eurocidade co outro lado portugués do Miño. Se pasas por preto de Tui, non deixes de pasear por toda a zona vella en xeral e a catedral en particular e o parque natural do Aloia. E sempre podes cruzar a ponte sobre o Miño para achegarte a Valença!

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir