Este 2022 as Letras van dedicadas a Florencio Delgado Gurriarán, persoa que destacou en moi diversas facetas: foi avogado, activista cultural e político, editor, poeta e tradutor. Como lírico foi un autor de arte rítmica e métrica fina, cun grande abano temático e moita sensibilidade. Comezou a súa andaina, coma un máis da xeración de anteguerra, Os Novos, sendo coetáneo de Amado Carballo, Bouza-Brey, Luís Pimentel, Iglesias Alvariño ou Carballo Calero; e a súa obra forma parte da renovación da estética dos anos 30, en paralelo coas vangardas de Manuel Antonio e Cunqueiro. Despois da guerra civil e por mor do seu exilio en México comezou a escribir unha poesía na que se respira certa épica pola terra que o obrigaran a deixar atrás, combinada cos versos onde nos descobre todo o exótico co que se atopou. Na obra Galicia infinda, publicada en 1963, atopamos unha serie de poemas localizados en México nos que aparece á par do léxico de seu, propio de Valdeorras, termos novos para el e exóticos para nós.
Imos facer un pequeno percorrido por algunhas destas palabras. Incorporadas algunhas ao Dicionario, outras non, pero todas familiares, xa que os exiliados e os emigrantes retornados trouxéronas canda eles.
“Teño unha noiva jarocha:
coor, mel e arume de mangos,
rítmico van de boleros,
quente paixón de huapango.“
Unha das voces que figura no Dicionario e que veu de lonxe é o termo manga (nos versos aparece en masculino). Defínese como o “froito da mangueira, coa casca de diversas cores, polpa carnosa e doce, xeralmente de cor amarelada”. A árbore desta froita orixinaria da India prendeu ben en América e volveuse moi común. A denominación chega desde o portugués manga, que bebe do támil mankay. Por outra banda, Delgado Gurriarán emprega termos exclusivos de México como son jarocha, o ‘xentilicio dos de Veracruz’, a primeira cidade que pisou o escritor logo dunha longa travesía a bordo do Ipanema. Tamén o debeu sorprender o vocábulo huapango, tipo de baile moi popular e moi rítmico procedente das zonas huastecas: Veracruz, Hidalgo, Potosí, Tamaulipas, Querétaro e Puebla. A súa orixe está na lingua náhuatl, en concreto, na voz huapantli que significaba ‘táboa de madeira’.
“A esta terra da infinda primadeira
a nova primadeira vai chegar
e a xacarandá teima en estoupar,
foguete malva, na mañán marceira.”
Unha vez máis Gurriarán fainos cómplice das súas descubertas mexicanas, en concreto, dunha árbore tropical que desde aquelas terras afastadas acabou no Dicionario: a xacarandá. Aparece definida como a “planta tropical da familia das bignoniáceas, de follas opostas con numerosos folíolos e flores azuladas, violáceas ou encarnadas, dispostas en grandes acios, da que existen distintas especies”. É unha árbore ornamental que se dá ben en climas temperados, da que se valora moito a súa madeira na carpintaría e na ebanistaría, símbolo máis representativo do estado mexicano de Aguascalientes. A orixe desta voz atopámola na lingua guaraní yakaranda, designación da planta.
No poema “Morelia” o autor fai un paralelismo entre Galicia e a terra de acollida. Se aquí a camelia é quen enfeita os xardíns galegos, alá tórnase protagonista a orquídea.
“En troques das camelias
as orquídeas abrochan
das árbores frondentes
nas enrugadas tonas.”
A orquídea é a “flor e a planta da familia das orquidáceas, da que existen múltiples especies, con flores de formas variadas e cores moi rechamantes que teñen, xeralmente, un pétalo máis grande ca os outros”. Coñecida desde a antigüidade, a orixe última do termo que a designa é grega, orchídion, diminutivo de órchis ‘testículo’. En México xa os aztecas empregaban a vainilla da flor para enriquecer o chocolate orixinal, unha bebida espesa feita a base de cacao destinada aos nobres e aos guerreiros.
Florencio tamén nos agasallou cun termo que descoñeciamos, tabachín. Planta mexicana que de se dar na nosa terra, habiámoslle de poñer nome á galega.
“Froresce o tabachín…
súa bermella fogueira
alumea o xardín
—ledo roibén do abrente—”
Alá recoñécense dúas especies baixo o mesmo nome común. Unha é a Caesalpinia pulcherrima, un arbusto que pode chegar a ser unha pequena árbore. Común dos ambientes tropicais, as súas flores, en acios, son moi vistosas e de cores avermelladas. En México ten máis presenza no Iucatán. Tabachín é só unha das denominacións populares que ten, porque tamén é coñecida como flor do pavón ou ave do paraíso mexicana… Algunhas destas denominacións son descritivas porque as flores gardan certas similitudes coas aves indicadas en canto á cor da plumaxe. A outra é a Delonix regia, árbore de Madagascar, que no continente americano se converteu nunha especie ornamental empregada nas rúas e nos espazos públicos polas vistosas e grandes flores vermellas. Nalgúns estados mexicanos a súa codia e flores, en infusión, tómanse como remedio para a reuma e para aliviar a tose.