O lume fascinou a humanidade desde o inicio dos tempos. A súa veneración resulta un trazo común a todas as culturas da antigüidade, de par ao culto ao sol, e déuselle un significado sagrado: era considerado purificador, limpaba os malos espíritos…; cando non se sabía como orixinalo, aquel que traía o lume tras o período de choivas convertíase nun heroe. Porén, comezar a comprender como se prendía supuxo un avance fundamental para a nosa evolución, xa que a cocción fixo posible dixerir os alimentos e liberalos de toxinas malignas, aumentou o valor enerxético inxerido e contribuíu ao desenvolvemento do organismo humano. Ademais, a domesticación do lume facilitou a defensa fronte aos depredadores, e a iluminación fixo posible vivir no interior das covas, quentarse para sobrevivir e convivir.
Os diferentes cultos relixiosos foron apropiándose deste tipo de crenzas para aseguraren fieis. O poder hipnótico do lume e a súa veneración demóstrase nas laradas que se acenden a noite de San Xoán. Malia que o nome do apóstolo anda polo medio, estas celebracións remiten aos cultos precristiáns que celebraban o solsticio de verán. Son varias as denominacións para elas que atopamos ao longo do territorio galego, e aínda que no Atlas lingüístico galego non se rexistra unha pregunta concreta sobre os lumes de San Xoán é posible que algúns dos termos, inda que todos sexan coñecidos pola maioría dos falantes, sexan máis usados en lugares concretos.
A voz cacharela defínese como a “morea de leña ou outro combustible que arde e fai laparada”. A palabra emprégase, segundo o Glosario de voces galegas hoxe (1985) de Constantino García, en puntos do interior da provincia da Coruña, en Compostela e Santaia (Trazo). Cachela pódese considerar coma un termo afín. Designa os anacos de leña e, por metonimia, o lume que se fai con eles. O seu uso obsérvase en zona bergantiñá, pero tamén en zonas paralelas da provincia de Lugo, coma Guitiriz. Estes termos están relacionados co latín *quassare, que significaba ‘romper’, ‘escachar’.
Outra das palabras coñecidas de todas e todos é fogueira, substantivo que procede do latín *focarĭa, que remite a *focarĭu ‘do lume’. Segundo a obra de Constantino García saberían do vocábulo en Dumbría, O Grove, Codesada, Sobrado dos Monxes, Valadoiro, Cedofeita e Pedrafita, como se pode ver esta forma está moi difundida polo territorio galego. Pola súa banda, a palabra afín fogueirada sitúase nas áreas máis orientais de Galicia: Burón, Suarna e Pedrafita.
A palabra lumarada tamén designa a “morea grande de leña que arde, facendo chamas e resplandor” e, se nos guiamos polo Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, o seu uso rexístrase en concellos da Costa da Morte (Muxía, Cee e Fisterra). Hai unha variante, lumeirada, da que atopamos exemplos nas Rías Altas: en Ares, Betanzos, Feás e arredores. Ambas as dúas voces son creacións derivadas que toman como base o substantivo lume, que ten a súa orixe no latín lumen e que significaba ‘luz’, ‘claridade’ ou ‘lume’.
Non se pode negar que as denominacións destes lumes son abondosas e recoñecibles por todas e todos; amais, cada un vai saltalos ao seu lugar e chámaos coma alí se coñecen, xa sexa cacharela, cacheira, cachela, fogueira, larada, lumarada ou luminaria…, e inda nos ha quedar algún termo atrás.
“Había pouco, a finais de xuño, na cidade erguéranse as grandes cacharelas festivas que alumearon a noite do San Xoán.” (Manuel Rivas: Os libros arden mal, 2006)
“Pasei a noite de San Xoán entre celebracións populares e relixiosas, a xente saltou as fogueiras que segundo a tradición escorrentan os malos espíritos, ou os espíritos do mal e os seus servos.” (Pemón Bouzas: A voz do vento, 2014)
“Nestes días en que se vai achegando San Xoán lembro as lumaradas que faciamos na aldea e como saltabamos por riba do lume.” (Marilar Aleixandre: Airadas de palabras, 1998)