Hai unha moza xaponesa que se está a converter nunha mestra da orde e de encartar cousas, ata reducilas ao mínimo. Dende o inicio dos tempos fomos recadando obxectos para non perdelos, e atámolos ben para aseguralos. De como atar as cousas e con que imos falar a continuación.
Comezamos botando man dunha corre, “vara fina, xeralmente de vimbio, que se pode retorcer e que se usa principalmente para facer obxectos, como cestos, caínzos ou para atar feixes”, que é o xeito máis básico e improvisado de atar e o que se tiña a man cando ías por un feixe ou un mando de pólas ao monte. Está relacionado coa corra e, dalgún xeito, coa correa; logo bótase man tamén doutro modo de atar que é tamén circunstancial pero efectivo era o que a ligadura consistía en retorcer palla e improvisar un rudimento de corda: vincallo, viorta ou a vencella.
Se botamos man ás ataduras convencionais comezaremos polo cordel “corda moi delgada” e tamén pola corda “conxunto de fíos de materiais variados, como esparto, nailon etc., retorcidos uns sobre os outros formando unha única peza longa e estreita”. O primeiro vén do catalán cordell cun significado semellante, pero ambos remiten ao latín chorda, ‘corda dun instrumento’ ou ‘soga’, inda que tomado do grego khordé ‘tripa’ coa se facía as cordas musicais. Ambas as dúas palabras son abondo coñecidas para os falantes. Mais imos darlle un repaso a outro tipo de ligaduras, á “corda longa e grosa que se usa para suxeitar a carga do carro ou dun remolque” que coñecemos como adival, palabra de procedencia árabe vencellada co termo at-tival,‘corda’ e xa documentada por Sarmiento no seu Catálogo de voces. Termo que se localiza disperso polo territorio pero cunha incidencia maior no interior das provincias da Coruña e de Lugo, provincia esta última onde é coñecido nunha ampla área.
Como sinónimos ao par do anterior, pero con diferente distribución xeográfica temos trelo e rello, ambos os dous vocábulos comúns das falas do galego oriental (Crecente, Navia de Suarna, A Fonsagrada, O Corgo) que parece que veñen do latín *tragella por tragula e de rigidulu, diminutivo de rigidu respectivamente.
En cambio, na costa atlántica encontramos cabestro como análogo de adival, que se remonta ao latín capistru ‘mordaza’ ou ‘freo’. A expresión facer o cabestro ou ser un cabestro fai referencia ás persoas teimudas, pero este significado fórmase a partir doutra acepción da palabra cabestro, que non é a da corda.
Citas:
“Cando chegou, foi á cabana, sacou un adival dun carro e cortou dúas cordas duns quince metros cada unha .” (Carlos G. Reigosa: Tras da corda / A secreta aventura do feitío)
“De Sacristán tamén empezou Alfonso, Alfonso da Cordeira, que Cordeira era súa nai, viúva dun Cordeiro, aqueles que facían trelos das serdas, alí en San Cibrao.” (Xosé María Gómez Vilavella: Historias intra da bisbarra. Castroverde, Baleira e Pol)
“Tratábase do noso sedeño, do mesmo cabestro que nos unira á Tonia tantas veces.” (Marcelino Fernández Mallo: Cabilia / A apaixonante vida de Amalia)