Voces de aquí e acolá: alpendre, pendello e palleira

Imaxe cedida por Cristina Varela Cadahía, Aulloaenfotos en http://aulloaenfotos.blogspot.com/

A casa labrega galega tradicional constitúe un conxunto composto pola vivenda da familia que se complementa cunha serie de construcións colocadas ao redor desta. As máis habituais son o alpendre, o cabazo, o forno e os cortellos. Todas estas dependencias están relacionadas coas necesidades habituais da familia e os traballos agrícolas. Prestámoslle atención a unha delas, en concreto, ao pallete definida como “aquela que se facía pegada á casa ou próxima a ela con paredes ou sen elas e con tellado empregada para gardar o carro e os apeiros, leña, trastes e ferramentas”. Ao longo do territorio galego atopámolos baixo diferentes designacións que todas as persoas falantes de galego somos quen de intuílas. Imos debullar algunhas delas.

Unha é alpendre. Termo propio do galego e compartido co portugués que designa a construción realizada ao carón da vivenda. Para a súa construción, por veces, aprovéitase unha das paredes desta, o seu frontal está aberto e o tellado é termado mediante piares. Os estudosos da etimoloxía indican que a orixe da palabra remite ao latín appendix que significaba ‘apéndice’ ou ‘engadido’ e deriva do latín appendere ‘colgar’ ou ‘suspender’. O seu emprego pode circunscribirse ao norte das provincias da Coruña e Lugo. Na costa da provincia de Pontevedra encontramos outro vocábulo, alboio, coas variantes albollo ou albó cuxa procedencia se vincula co protocelta *(p)are-bowyo e está relacionado co irlandés antigo airbe ‘cuberto’.

Outra denominación para este tipo de edificacións é pendello, construción que ‘serve de almacén para gardar a leña, o carro, as ferramentas de traballo e outros utensilios’. A súa utilización encóntrase no galego interior, nas provincias de Lugo e Ourense. É unha voz derivada mediante sufixación a partir do verbo pender, procedente do vocábulo latino pendere que significaba ‘colgar’. Sen dúbida, non semella errado presupoñer que a orixe se vincule á imaxe que ofrecía a edificación, un tellado colgado e sostido por piares, xa que, ás veces, as paredes laterais non se facían.

Por último, hai unha serie de voces, como  palleira, pallarega, pallal, pallete ou pallote, que toman como base de formación o substantivo palla, que vén do latín palea co mesmo significado. Todas teñen en común que son o lugar pensado para gardar a palla; pero, a medida, que se ía consumindo esta, quedaba sitio para recadar os apeiros e, mesmo, o carro. A súa localización segundo o uso dos falantes sería: palleira nas provincias do interior, Lugo e Ourense; pallal, pallote ou pallota quedan circunscritos á provincia da Coruña; pallarega sitúase na marxe de Ourense, case no galego exterior.

“Vénlle a imaxe dun alpendre vedraño coa cuberta esbandallada e as pilastras cansas de soster tempo, algo en desuso hai moito tempo, arruinado de soidade.” (Xabier Paz: As vidas de Nito, 2013)

“Fártanse de llo repetir, miña pobre. Como se madre fose parva e non soubese que o que realmente buscan é sacarme do medio e tirar todo, galpón, casas, pendellos, e construíren un edificio.” (Manuel Portas: Denso recendo a salgado, 2010)

“A reitoral estaba amañada con gusto. Era ampla, con varias palleiras e cortes habilitadas para cuartos, e un forno moi interesante.” (Miguel Anxo Fernández: Bícame, Frank, 2013)

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir