Voces de aquí e acolá: Da xouba á parrocha

A xente da Arousa dirá que non hai cousa máis saborosa ca unha empanada de xoubas, porén en Ferrol sonche máis da de parrochas. Nas dúas, o ingrediente fundamental é o mesmo, Sardina pilchardus, nome científico da sardiña. Cando é pequena, dende o sur ata a Costa da morte, denomínase xouba, mentres que ao norte de Fisterra mais na zona cantábrica chámaselle parrocha. Nos escritos de Martín Sarmiento (1762 e ss.), xa dá noticia da dupla denominación e da distribución xeográfica do seu uso, pero 250 anos despois a cousa semella enleada…

Xouba é unha palabra patrimonial, que coñecemos “de sempre”, aínda que a explicación sobre a súa orixe non acadou o consenso entre especialistas. Hai quen avoga por unha procedencia prerromana, o que xustificaría a exigua documentación e consecuentemente as dificultades que xorden para explicala. Outros, como o profesor Antón Santamarina –nas anotacións etimolóxicas de Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia.I Vertebrados y peces–, considerou unha posible etimoloxía que partiría da evolución da palabra latina clupea, -ae  –zamborca–, cunha fase evolutiva intermedia *choiba que, tras un proceso de asimilación entre vogais, daría no actual xouba. O latinista Ramón Baltar cuestiona esa evolución, argumentando que o termo do que parte Santamarina remite a outro peixe, e aposta pola construción sardina *flauva, (forma hipotética da clásica flavus ‘dourado’) onde habería unha substantivación do adxectivo, de onde *chouba, que derivaría en xouba. Corominas, pola súa parte, recorre ao latín salpa, -ae, un tipo de peixe, mais non acaba de xustificar o termo e admite que precisa un mellor estudo.

A outra denominación, parrocha, tampouco está exenta de misterio, xa que tamén é de orixe incerta. Crese que podería estar emparentada co campo léxico dos adxectivos derivados de parra (a da vide), que gardan relación coas persoas, animais ou cousas de pouca altura, como por exemplo parrelo, –falamos das sardiñas de menor tamaño–. Porén, Corominas vencella o termo cunha onomatopea parro, ‘voz propia do pato’ –de aí o parrulo–, que cre tamén aplicable a outros animais. Aínda que… viches alguén alindando peixes?

En conclusión, chámeslles como lles chames sonche ben saborosas, pero moi malas de explicar.

 

Citas:

“A masa levedada da empanada agardaba presta o momento para metela no forno, ao seu carón o remexido de cebola, pementos, aceite, azafrán e xoubas.” (Marcelino Fernández Mallo: Cabilia)

“Estaban detrás de nós, tomando tamén uns viños e uns pementos fritos con parrochas, pacificamente.” (Xesús Valcárcel: Matar o tempo)

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!

Cubre a enquisa aquí