Os bechos Sus scrofa domestica, os nosos porquiños, cochiños ou chinos, ranchos, quinos, marráns e marranchos –que todo é o mesmo, do fociño ao rabo– son animais ben presentes na nosa cultura agraria e gastronómica. As denominacións máis estendidas e usadas son porco e cocho, que teñen certa distribución dialectal: toda a zona sur e oeste do país, agás unha cuña que comprende desde a ría de Sada ata Camariñas, internándose ata o río Tambre, á altura do concello de Val do Dubra é de porco; o resto é máis de cocho. Para mellor entendelo, convén mirar o mapa que acompaña o texto.
A forma estándar, porco, é coñecida practicamente en todo o territorio e a máis empregada nos medios; é asemade a máis recollida nos diferentes vocabularios e nos textos didácticos. Procede do latín porcus, -i que designaba o mesmo animal e que estaría vinculado co termo grego pórkos. Deste étimo derivan tamén as denominacións europeas: porc, en catalán e francés e porco en italiano.
Alén de porco, utilizamos a denominación cocho para designar o mesmo animal. A súa orixe é controvertida e polo común relaciónase coa onomatopea coch! que é un xeito de chamalos. O termo tivo un certo percorrido nas linguas próximas, como por exemplo no francés cochon. As palabras rancho, chino e quino tamén se consideran creacións procedentes da onomatopea comentada, xa o di o dito: Quen nunca tivo nada e chega a ter un porquiño, vai pola rúa quiniño, quiniño!
Outra denominación é marrán, procedente do árabe muharram ‘cousa prohibida’. Cando son pequenos, chamámoslles: leitón, cando inda maman da nai, ou bácoro ao que se lle aventura, sen moita certeza, unha orixe magrebí bakurí que nun principio designaba os años e logo pasou a nomear os leitóns.
Citas:
“Na posguerra, Don Celidonio ascendeu de porco a marrán e chegou a Alcalde. A parenta inflou como o fol da gaita. Agora é presidente da Xuntanza Cidadá e doutras Sociedades. A parenta botou abrigo de chinchilla e petitgris. Fixeron casa nova e teñen outro automóbil. Aínda podían ter máis.” (Vicente Risco: O porco de pé -adaptación-)
“Era un ser que pasaba desapercibido, que non se deixaba ver en feiras nin festas e que case non saía do seu caseto do monte, onde vivía con dúas vacas, unha egua, un cocho, unha ducia de galiñas e seis ou sete ovellas.” (Carlos G. Reigosa: A lei das ánimas. A novela da Santa compaña)