Din que nunha escaleira nunca queda claro se un galego sobe ou baixa. Non deixa de ser un tópico que disque nos retrotrae ao momento en que Décimo Xunio Bruto cruzou o río Limia, pero iso queda para outra ocasión. Desta volta tócanos ascender, aínda que só sexa virtualmente, pola que poderiamos considerar a escaleira máis fermosa de Galicia, a do convento de San Domingos de Bonaval. Rendémoslle así tributo ao insigne arquitecto, a quen a Real Academia Galega de Belas Artes lle dedica este 1 de abril de 2020 o Día das Artes Galegas. Domingo de Andrade é tamén autor doutras xoias do noso barroco, como a Casa da Parra, a Casa da Conga, ou a torre do reloxo da catedral de Santiago de Compostela, pero no Portal das Palabras temos predilección pola tripla escaleira helicoidal da hoxe sede do Museo do Pobo Galego.
A nosa homenaxe, como se espera dunha institución como a nosa, céntrase na construción lingüística dos termos que temos na nosa lingua para designar a “construción formada por un conxunto de pasos ou chanzos situados en niveis sucesivos, que serve para subir e baixar por ela”. A orixe da palabra atopámola no latín scalaria, que significaba ‘banzos’.
Cando unha escaleira é exterior e ampla, rematada nunha plataforma que permite entrar nun edificio sobranceiro, daquela falamos dunha escalinata. Sexa interior ou exterior, se a escaleira ten forma de espiral, chamámola escaleira de caracol. Moitas son ben modestas, co mero propósito de aforrar espazo, pero tamén empregou esta feitura Domingo de Andrade para a escaleira máis hipnótica de Galicia, que é en realidade un monumento composto por tres escaleiras. Neste caso falamos de escaleiras, así, en plural, pero o termo que nos ocupa tamén pode empregarse na forma do plural con sentido singular: caeu a rolos polas escaleiras da casa.
A palabra escaleira é un termo recoñecido por todo o territorio galego como unha forma común, pero tamén temos nomes específicos para concretar o tipo, sobre todo se a podemos levar dun lado a outro! A “escaleira de madeira ou metálica formada por dúas pezas longas e verticais con paus horizontais que pode ser portátil” chámase escada (coa variante escadia), que é a forma maioritaria e común na nosa lingua, pero recibe tamén os nomes de escala, esqueira e esqueiro (coas variantes escaira e escairo). Iso si, estes tres termos tamén poden designar a escaleira rústica feita cunhas pedras de dous ou tres banzos que serve para acceder a unha leira ou un valado. Non son estes dous malos escenarios para rematarmos este Voces de aquí e acolá, pero dada a data, e a beleza matemática e visual do monumento, deixamos claro o noso sentido da marcha e chegamos á cima da tripla escaleira que fixo inmortal a Domingo de Andrade.
Citas:
“Por riba do seu sombreiro , viamos a silueta do seu amigo , aquel vulto silencioso no descanso da escaleira.” (Paco Carro: Tempo ordinario (Historias de Compostela) / O amigo do meu pai, 2014)
“Cando xa os perdera de vista baixei da escada e fun pechar a porta.” (Teresa González Costa: Os santos nunca dormen, 2014)
“Logo de pronunciar estas palabras, o almirante quedou estantío no cuarto ou quinto banzo da esqueira, como petrificado.” (Xosé Mª Lema: Costa do solpor, 2013)