Se falamos de fabas, as máis coñecidas son as de Lourenzá. As características do solo e as técnicas de cultivo fixeron que os legumes producidos neste concello presenten moi boa calidade. O Concello de Lourenzá destacou ao longo dos últimos séculos polos intercambios de mercadorías que nel se producían. Son importantes as súas feiras e as súas tendas, onde a venda das fabas de Lourenzá está documentada dende o século XVIII.
Mais este municipio tamén é recoñecido, sobre todo ao longo do 2023, por unha das persoas salientables que naceron nel. Trátase de D. Francisco Fernández del Riego, que viu a luz en Vilanova de Lourenzá no seo dunha familia de comerciantes. Un neno fascinado pola lectura, bo estudante primeiro na escola da vila, logo no instituto, e máis tarde nos estudos universitarios, que realizou en Madrid e Santiago de Compostela. Mais nunca perdeu o seu vencello coa súa vila natal, á que lle rendeu tributo no libro Lourenzá, no que recupera o pasado histórico da vila e evoca as lembranzas da súa nenez nela.
Por outra banda, segundo din os seus coñecidos, malia o aspecto serio, era un home que agradecía e saboreaba un bo xantar. Algunha destas comidas habíaas de compartir co seu amigo da nenez Álvaro Cunqueiro, home de letras e bo gastrónomo. Daquela pensamos que seguramente lles prestaría que falásemos de fabas da súa terra que dan para unha boa fabada, sen desmerecer outras de moita sona. Non nos había de estrañar que cando se xuntaban estes vellos colegas e veciños degustasen algún prato onde o legume estivese presente.
Segundo di o Dicionario a faba é unha planta herbácea da familia das leguminosas con sementes alongadas, da que existen diferentes variedades comestibles: dunhas aprovéitase a casula coas sementes aínda verdes e doutras só as sementes unha vez secas. O seu nome científico é Phaseolus vulgaris, mais entre nós, ademais de faba, chámasnoslle tamén feixón ou chicho, termos usuais no oriente e sur das provincias de Lugo e Ourense. A forma faba é recoñecida en todo o territorio, cómpre non confundila coas sementes denominadas faba loba, faballón ou fabaca, que gardan certo parecido formal co legume de Lourenzá, mais son de maior tamaño e corresponden a outra especie, a Vicia faba. Esta era a variedade tradicional que se coñecía en Galicia, pero foi substituída polo produto chegado de América no século XVIII e que tamén quedou co nome. Aconteceu un proceso análogo ao que sucedeu co termo millo, que pasou a denominar o Zea mays que veu de América, pero que antes designaba o millo miúdo ou paínzo (panicum miliaceum), que se plantaba aquí.
A adopción da faba como produto propio evidénciase na creación de fraseoloxía empregando a palabra como vemos nos ditos En todas partes cocen fabas ou na variante En todo lugar hai fabas que tostar dos que se bota man para indicar que os problemas ou as dificultades son frecuentes a todas as persoas, como frecuente é cociñar con fabas.
Outras frases como Chuvia na semana da Ascensión, nin boa faba, nin bo melón; Polo san Martiño, nin fabas nin liño ou En novembro fabas e en Nadal cabazas son propias dunha sociedade agrícola, como foi a nosa, que asimilaban as datas do calendario con certos labores e tamén se fai seguimento do tempo atmosférico para obter unha boa colleita. De aí se infire que se chove no mes de maio (o da Ascensión), non se obterán boas fabas.
Logo atopamos referencias á psicoloxía das persoas como Ser coma as fabas na pota para describir ao que é un moi inquedo e non ten parada, onde se bota man da imaxe dos legumes, que cando ferven na auga anda ás voltas na pota. Para nos indicar monotonía e aburrimento dicimos: Sempre perdices cansa; guísame unhas fabas, porque de todo se cansa un cando repite acotío, aínda que sexa das cousas máis exquisitas. Hai unha última, que esperemos que non vos afecte moito, que é Pagar as fabas que significa ‘pagar as consecuencias’ de algo que é inadecuado.